O As Torres remata segundo na Maratón de Aranjuez, e o Piragüismo A Illa é quinto

La Voz

AROUSA

18 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Non tivo rival o As Torres-Romaría Vikinga o pasado fin de semana para facerse co segundo posto na Primeira Competición de Maratón, que nas aguas fluviais de Aranjuez abría a Copa de España de Ascensos, Descensos e Travesías. Un segundo posto que o club catoirense conquistou coa mesma autoridade coa que o equipo anfitrión, o Escuela Piragüismo Aranjuez, se levaba o trunfo cun total de 408 puntos, polos 312 das Torres. O Iberdrola Zamora foi terceiro con 253 puntos, o Talavera Talak cuarto con 186 e o Piragüismo A Illa quinto con 151.

Seis medallas acadou a expedición das Torres, encabezadas polo ouro de Diego Romero no Xuvenil C-1, categoría na que o seu compañeiro Miguel Salgado foi prata. Segundos foron tamén Adrián Ferreira (Cadete C-1), Antón Vázquez e Iago García (Xuvenil C-2) e María Pérez (Sénior K-1). Antonio Manuel Lobato e Pablo Cudillero foron terceiros no Cadete C-2.

Tal e como se agardaba, o Sénior C-2 de Óscar Graña e Ramón Ferro deulle o ouro ao Piragüismo A Illa, que tamén sumou tres bronces da man de Juan Luis Oubiña (Cadete K-1), Rubén Bayón (Cadete C-1) e Óscar Prado e Adrián Pérez (Xuvenil C-2).

Concentración galega

Noutra orde de cousas, os canoístas cadetes das Torres Adrián Ferreira e Antonio Lobato veñen de ser convocados polo director técnico da Federación Galega a unha concentración esta semana en Pontevedra.