O xurado da cuarta Gala do Deporte Meco vén de dar a coñecer o nome dos candidatos aos premios e mencións que este domingo, 30 de marzo, se fallarán durante a celebración da mencionada Gala. Candidatos que saíron das propostas dos clubs do Grove e da iniciativa dos propios membros do xurado.
Jorge Aguín e os piragüistas do Breogán-Outón Xunqueiriña Tono Campos e David Mascato son os nominados para o galardón ao mellor deportista masculino elite. Un premio que en categoría feminina se dirimirá entre a xogadora do Balonmano La Calzada de Gijón Vanesa Lois e a amazona de doma clásica Sara Domínguez.
Para o mellor deportista amateur masculino foron nominados Diego Solla (Rasoeiro), Fran Ameixeiro (Unión Grove) e Jon Ander Serén (O Meco). En féminas esta categoría queda deserta por falta de candidaturas dos clubs.
Ángel Christian Ribadomar (Breogán), Nicolás Estévez (Pontevedra C.F.) e Xurxo Meis (Baloncesto O Grove) son os deportistas propostos para o premio á mellor promesa masculina, e Lara Díaz Valladares (Breogán), Uxía Núñez Fontoira (Rasoeiro) e Andrea Campos Domínguez (C.B. O Meco), para a promesa feminina.
Mecos, Breogán e Rasoeiro son as tres opcións das que sairá o mellor club grovense do 2007, mentres que a Asociación Amigos da Dorna Meca, o equipo de xadrez do Breogán e o espeleólogo Fran Lorenzo optan á mención ao deporte alternativo ou minoritario.
Na mención a unha vida dedicada ao deporte os nominados son o utilleiro José Pérez Vidal, O Coxo de San Vicente (S.D Amanecer), Queco Fresco (Rasoeiro), e Antonio Aguín (Amegrove).
Os tres candidatos ao galardón ao mellor adestrador son Quito Parada (Rasoeiro), Manu Bello (C.B. O Meco) e Francisco Otero, Kirri (Mecos).
Mecos, Amanecer e C.B. O meco optan á mención ao mellor equipo directivo, e Rasoeiro, C.B. O Meco e Unión Grove, ao club que mellor traballou a base no 2007.
Na mención ao patrocinador, Outón Xunqueiriña, Aradas y Padín e Santo Ángel son os nominados. A primeira edición do Campus Juan de Dios Román, as convivencias de minibasket do C.B. O Meco e a regata de traíñas da ACT organizada polo Mecos aspiran pola súa banda ao premio ao mellor evento deportivo.
Pechan a nómina de candidatos aos galardóns da cuarta Gala do Deporte Meco Aradas y Padín, Aquarium Galicia e Cociñas Senra no apartado de mellor colaborador local.
A Gala do Deporte Meco celebraráse este domingo, a partir das oito da tarde, no Cine O Marino do Grove.