Abalo e Miñones gañan a primeira manga do Mundial da clase Cadete e figuran sextos na xeral

La Voz

AROUSA

03 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Prometedor o debú dos vilagarciáns Rodrigo Abalo Martínez e Joaquín Miñones Vanlaethen no Campionato do Mundo da clase Cadete de vela. Nas augas da localidade holandesa de Medemblick os regatistas do Liceo Casino defenderon con éxito a camisola da selección española acadando a victoria na manga inaugural, para asinar o decimosexto posto na segunda e derradeira regata da xornada de onte.

As dúas primeiras actuacións de Abalo e Miñones sitúanos sextos na xeral provisional do Mundial da clase Cadete, que hoxe cubrirá o segundo dos seus seis días de competición con outras dúas mangas por diante.

Na victoria parcial do dúo vilagarcián tivo moito que ver o vento. Os 15 nós rexistrados aliáronse cunha parella, que ofrece as súas mellores prestacións canta maior é a forza do aire. A baixada do vento aos 12 nós na segunda manga e o decimosexto posto colleitado nela por Abalo e Miñones teñen a mesma correlación.

Polo que respecta ás outras dúas tripulacións do Liceo Casino en Medemblick, o barco de Óscar Gómez e de Roberto González iniciará a segunda xornada do Mundial da clase Cadete nun meritorio vixésimo sétimo posto, dun total de 81 embarcacións en lid; mentres que Santiago González e Agustín Costa ocupan un posto na zona media-baixa da xeral.