As actividades dos Superroquiños aprázanse ata mañá polas previsións de choiva e mal tempo

La Voz

AROUSA

12 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Con ou sen Pemán ao mando, o tempo de Galicia en verán sempre é unha incógnita, e Vilagarcía non é unha excepción. A chegada das choivas e o mal tempo ten freado unha das iniciativas máis lindas do programa de festas de San Roque en Vilagarcía, o Club dos Superroquiños, que non comezará xa cando menos ata mañá.

Nado o ano pasado, cun carné e toda unha serie de xogos populares que sumaron a centos de pequenos á asociación abandeirada polo can de San Roque, ese que non ten rabo, os Superroquiños van vivir, neste 2008, a tempada da súa consolidación. En teoría, as súas actividades tiñan que comezar onte, no parque de Miguel Hernández. A idea era que estivesen presentes ata o venres día 22. É dicir, durante once días, quitando as fins de semana. O escenario dos Superroquiños é o parque de Miguel Hernández, e o horario previsto, entre as dez e media da mañá e a unha e media da tarde. Mágoa de tempo, nin onte puido celebrarse a súa inauguración nin o fará tampouco hoxe. Mañá mércores é, segundo as previsións, a xornada na que a choiva escampará para permitir reemprender o programa deseñado.

Ademais do propio club, e tamén no parque de Miguel Hernández, desenvolverase a actividade pictórica ¿De que cor che pinta o día?. Non hai que esquecer, tampouco, que ao longo desta semana grande de festas, o Minilectoriño de verán estará presente en Rubiáns, concretamente na súa casa da cultura, entre as 10.30 e as 13.30 horas.