O vilagarcián vén de completar a mellor tempada da súa carreira nun Xacobeo Galicia co que conquistou a Volta a Cataluña, e no que confía continuar no 2009
02 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Gañador da xeral da Volta a Cataluña, terceiro clasificado no Tour de Langkawi, cuarto na Volta a Turquía, sexto na crono e oitavo nunha das estapas do prestixioso Criterium Internacional de Francia, décimo no Gran Premio Santarem de Portugal... O vilagarcián Gustavo César Veloso (29-I-1980) vén de pechar a con diferencia mellor tempada da súa xa estensa carreira no mundo do ciclismo profesional. A vixésimo novena praza na xeral da Volta a España foi o colofón dun espléndido ano no que o corredor de Bamio se confirmou como o lugarteniente que toda escadra que se prece desexa ter traballando para o seu xefe de filas. No seu caso, un Ezequiel Mosquera ao que Gustavo confía seguir arroupando o vindeiro ano no Xacobeo Galicia. Veloso concedíanos onte esta entrevista desde o Hospital do Salnés, onde agardaba o nacemento do seu primeiro fillo.
-¡Vaia tempada se vén de marcar vostede!
-Si. A verdade é que si. A parte dos meus resultados individuais, tamén foi importante a miña contribución a outros bos resultados do meu equipo. Como a xeral da Volta a Turquía. O día que David García se puxo de líder o equipo se quedou só con catro corredores en carreira, e a falta de dúas ou de tres etapas os que quedamos tivemos que facer o dobre de traballo para David. Eu tívenme que sacrificar, e perdín dous postos na clasificación que doutro xeito non tería cedido. Pero o importante era que a Volta a Turquía quedase no equipo. Moi importante, porque se trataba da nos primeira victoria.
-Sendo ciclista, é de supoñer que non todo sería cor de rosa neste ano de éxitos...
-Non. Está claro que os momentos bos do corredor son moi poucos, e son máis os malos. Pero podo dicir que este ano foi practicamente perfecto. Cando non andiven, foi porque así estaba previsto na programación do equipo. Estiven case todo o ano competindo, e a un bo nivel. Foi o ano menos duro da miña carreira.
-De ocupar o posto 121 na xeral da Volta a España do 2007 pasou ao 29 este ano. Para estar máis que satisfeito...
-Si. Pero hai que mirar máis ao traballo que hai detrás, e non a clasificación. Este ano traballei o mesmo de duro, pero como estaba máis forte, perdín menos tempo na montaña. O vixésimo noveno posto só di que me atopaba mellor ca no 2007. Nesta Volta a España fun moi ben. Era o segundo ou o terceiro home do equipo todos os días, protexendo sempre a Ezequiel das caídas e dos cortes. Pero tamén rematei con rabia, por non ter disputado algunha etapa. As pernas íanme ben, e estaba entre os 25-30 primeiros, nunha posición na que os favoritos te dan marxe para tentar unha victoria de etapa. Pero unhas veces polo traballo de equipo, e outras pola falla de sorte, non puiden coller nunca a demarraxe boa.
-¡Que cabreo se colleu Álvaro Pino na etapa de Fuentes de Invierno!
-Sobre todo, porque hai certas cousas que se fan só por ética profesional. Para os equipos pequenos coma o noso, a victoria nunha etapa da Volta a España pode significar a súa propia continuidade, ou xustificar unha tempada enteira. Se Astana tivese actuado doutra maneira, quizais Ezequiel estivese no podio da Volta a España. Pero non hai mal que por ben non veña. Estívose falando dous días da polémica, e iso foi publicidade para o noso equipo. Ao día seguinte da etapa de Fuentes de Invierno Contador falou con Ezequiel, e todo arranxado. Ao final Contador tamén ten un director detrás.
-Ezequiel Mosquera, David García e mais vostede. ¡Menudo tridente!
-O ano pasado comezamos xuntos no equipo sen saber o que se podía agardar de nós. E todos nos sorprendemos. Nós os primeiros. E a xente do ciclismo en xeral. Eramos tres galegos que levabamos moitos anos traballando en diferentes lugares, e que acadamos a nosa madurez no Xacobeo (ex Karpin) Galicia.
-Mosquera seguirá liderando o Xacobeo Galicia ata o 2010. ¿Continuará contando cos seus dous fieis escudeiros?
-Con David non falei, pero imaxino que quererá seguir no equipo. A min tamén me gustaría continuar. Pero á marxe das cores, hai que ter presente que o ciclista profesional ten unha vida deportiva curta, e teño que ter isto moi en conta. E agora, cun fillo, máis aínda. Desde o final da Volta a España só estiven pendente da miña familia, e a negociación co Xacobeo Galicia está parada. O primeiro é a familia. Conto con retomar os contactos co equipo a vindeira semana. A día de hoxe, polo que sei, tanto polo equipo como por min hai interese en seguir.