O Establecimientos Otero retorna á División de Honra cun dobre compromiso en Euskadi

AROUSA

11 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Establecimientos Otero de Cambados fai efectivo esta fin de semana o seu desexado regreso á División de Honra do tenis de mesa español. Unha categoría de prata na que o conxunto galego pretende permanecer moito tempo.

Con este fin, o Cambados T.M. fichou no mes de xuño o xogador chino Liu Junhui. Un veterán bregado na Superdivisión, e contratado polo Establecimientos Otero como seguro de vida. É máis, co asiático nas fúas filas o presidente do club, Moncho Barros, está convencido de que o tenis de mesa cambadés debe mirar esta tempada da zona media da táboa cara arriba. Tanto é así, que a directiva e o corpo técnico do único representante galego na División de Honra se permitíu o luxo de situar a Karol Hasek no Grupo Barros da Segunda División Nacional, deixando a Jacobo Enseñat e a Eduardo Barreiro coma compañeiros de Liu Junhui.

Barros considera que dos dez equipos que compoñen o grupo do Establecimientos Otero, tan só o Irún Lekea Enea está por riba dos demais. «Quitando al Irún, nos podemos pelear con cualquiera», di o mandatario.

O calendario quixo que o conxunto guipuzcoano apareza no horizonte inmediato do cadro cambadés. Mañá, a partir das dez e media, o Irún Lekea Enea porá a proba o novo potencial do Establecimientos Otero, que horas antes, esta tarde a partir das cinco, visita o Lankide Gasteiz na veciña Álava.

Liceo Casino e canteira

Ademais dos xa mencionados, o Grupo 1 da División de Honra complétase cos equipos T.M. Defense La Palma, Termotur Calella, C.T.T. Bascara, Oviedo T.M., Tramuntana Figueres, C.E.R. L'Escala e C.T.T. Ripollet.

Pola súa banda, o segundo equipo de referencia do tenis de mesa arousán, o Liceo Casino de Vilagarcía, mídese hoxe na casa a partir das cinco da tarde a unha S.C. Padronesa coa que comparte liderato na Primeira División Nacional xunto con outros tres equipos, logo da primeira xornada de Liga.

Polo que respecta á canteira, na Segunda División Nacional, o Liceo Casino Sénior visita hoxe ás cinco o Arteal Santiago, cos cambadeses Grupo Barros e Joyería Enrique recibindo o mesmo día e á mesma hora o Mercantil de Vigo e o Vincios.

Tamén hoxe, o CaixaGalicia desprázase ás catro e media da tarde á cancha do Vincios na Primeira División Galega, e na Segunda o Insucarpi xoga en Cambados ás cinco co APA Virxe do Mar de Noia.

E na Primeira Nacional Feminina, o recén creado Caixanova de Cambados recibirá mañá o Dubra Tambre ás once da mañá, con Gema Cores, Cristina Barreiro e Raquel Martínez formando o plantel local.