O Establecimientos Otero accede á súa primeira fase de ascenso á Superdivisión de tenis de mesa

La Voz

AROUSA

24 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A victoria sobre o líder, o Leka Enea, unida ao resto dos resultados da penúltima xornada de Liga veñen de converter o Establecimientos Otero de Cambados en aspirante a novo equipo da Superdivisión do tenis de mesa español. Ou o que é o mesmo, á elite estatal. Segundo clasificado con 22 puntos, a 8 do Leka Enea e con 2 de vantaxe sobre o Bascara, o Establecimientos Otero pechará a Liga este sábado en La Palma coa súa praza para a vindeira fase de ascenso amarrada. Na Primeira Nacional, o Liceo Casino de Vilagarcía concluíu a Liga regular cun contundente trunfo sobre o Cidade de Narón, 4-0. O cadro arousán xogará a fase de ascenso á División de Honra cun balance de 16 partidos gañados por tan só dous perdidos. O Padronesa, segundo clasificado, pode chegar ao sumo aos 28 puntos se esta semana se impón no seu derradeiro encontro. Outro equipo da zona que loitará polo salto de categoría é o Grupo Barros, que segue o seu paseo trunfal pola Segunda Nacional. A pasada fin de semana, superando por 4-1 o Náutico de Vigo, o que lle valeu a súa decimosétima victoria noutros tantos partidos. No seu mesmo grupo, o Liceo Casino Sénior perdeu o seu duelo pola terceira praza co San Isidro cunha derrota a domicilio, 4-1, e o Joyería Enrique asinou o seu primeiro resultado positivo a falta dunha xornada para a conclusión da Liga, ao vencer ao penúltimo, o Ordes, por 4-0. Na Primeira Nacional Feminina o Caixanova cambadés caeu 0-4 co Casa Asturias de León, segundo clasificado do campionato. O Cambados TM tamén víu o pinchazo, neste caso non agardado, do Caixa Galicia ante o Rábade, 2-4, na fase de ascenso da Primera Galega Masculina. Na Segunda, o Insucarpi gañoulle 4-0 o Indugasa.