Non só se cumpren agora 50 anos da morte do poeta da raza. Tamén da aparición da súa obra completa, que entón non puido ser publicada en Galicia pola censura
26 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Neste ano non só se está a celebrar o cincuentenario da morte de Cabanillas. Tamén se cumpre medio século da aparición da súa Obra completa, que non puido ser publicada daquela en Galicia porque foi prohibida pola censura.
O 12 de novembro de 1959, tres días despois de que Cabanillas falecese, saía á luz, forzosamente en Arxentina, o volume que recollía a súa produción literaria. Patrocinada polo Centro Gallego de Buenos Aires, a intención era que a Obra completa se editase en Galicia, mais a censura opúxose de xeito frontal por considerar que algunhas das composicións eran subversivas. Foi este, sen dúbida, un episodio amargo que, con fondo pesar, tivo que vivir Cabanillas nos seus últimos días.
O proxecto de edición
No ano 1954, o Centro Gallego acordara facerse cargo da publicación de toda a obra do poeta cambadés, dado que unha boa parte dos seus libros, principalmente os anteriores á Guerra Civil, xa non eran accesibles para os lectores. Encargóuselle o labor de coordinar a edición a Fernández del Riego, quen se puxo ben axiña mans á obra contando coa colaboración do propio Cabanillas (por exemplo, á hora de recadar os poemas soltos e de fixar os criterios editoriais). O escritor, inicialmente, mesmo pensaba pasar os textos a limpo, mais logo renunciou porque, como comentaba, «a máquina que me emprestaron é unha bailadora do Moulin Rouge, e non a entendo».
Aínda que a tarefa non era, nin moito menos, de cativas proporcións, Fernández del Riego, con absoluta dilixencia, tiña preparado o volume a finais de 1955, e así llo comunicaba, a través dunha carta desas datas, á xunta directiva do Centro Gallego. Previamente, Cabanillas aprobara o deseño da edición, solicitando tan só que se prescindise do soneto «A un cacique», dirixido contra o marqués de Riestra, posto que consideraba este poema, segundo el mesmo dicía, «un desafogo das circunstancias: estaba doído e fóiseme a pluma».
A publicación da Obra completa, non obstante, sufriría algún retraso. Mais no mes de decembro de 1957, o presidente do Centro Gallego púñase en contacto con Fernández del Riego para acelerar a saída do volume. De tal modo, e conforme era preceptivo, o 7 de xuño de 1958 rexistrábase en Madrid a instancia de solicitude de permiso na Sección de Inspección de Libros, adscrita á Subsecretaría de Educación Popular. Isto é, nas dependencias da censura, dito sen máis requilorios burocráticos. O encargado de levar a cabo tal trámite foi Xosé Ramón Fernández-Oxea, máis coñecido polo pseudónimo Ben-Cho-Shey, quen acostumaba facelo para varias editoriais galegas.
O informe do censor
Na Sección de Inspección de Libros, o censor ao que se lle deu traslado do expediente da Obra completa resultou ser Emilio Sáez Sánchez, catedrático de Historia Medieval na Universitat de Barcelona. Méndez Ferrín, nun artigo dos seus, manifestaba, aínda en datas recentes, que os censores non eran máis que tres ou catro, e que nin entre eles se coñecía a súa identidade. A dicir verdade, é posible saber hoxe en día o nome da maioría dos censores, do que é unha boa proba precisamente o caso da Obra completa de Cabanillas. O que se fai difícil de comprender, desde logo, é que esta documentación permanecese inédita ata que, hai uns meses, foi amosada parcialmente ao público, por primeira vez, na exposición Editar en galego baixo a censura franquista.
O censor da Obra completa asinou o seu informe o día 27 de xullo de 1958, unha vez lido polo miúdo o material que se lle entregara para que o inspeccionase. Do contido de tal informe é interesante resaltar, fundamentalmente, que Emilio Sáez Sánchez tachaba a Cabanillas, sen ningunha clase de miramentos, de ser «uno de los sostenedores intelectuales de un separatismo gallego anacrónico y absurdo y de un anticlericalismo no menos incongruente». Por tal motivo, esixía de maneira taxativa que fosen eliminadas, especialmente dentro do xénero poético, un bo feixe de composicións.
A reacción de Cabanillas
Diante deste feito, e antes de acatar mainamente o ditame da censura, a decisión foi publicar a Obra completa en Arxentina. Aos poucos días de coñecerse a resolución desfavorable da Subsecretaría de Educación Popular, o propio Cabanillas era informado de todo o que acontecera. Nunha carta a Fernández del Riego, do 31 de xullo de 1958, o poeta indicaba o seguinte: «Xa veredes o que deba de facer. (?) Coido que os de América atoparán saída». E engadía estas palabras, sen claudicar: «Non é morte de home».
Efectivamente, a comezos de 1959 o material para a edición estaba de novo en Buenos Aires. Coa saúde moi delicada, case ás portas da morte, Cabanillas enviáballe outra misiva a Fernández del Riego onde non podía ocultar a súa impaciencia: «Recibín tamén unha carta de Eduardo Blanco-Amor, de Buenos Aires, sobre a edición da Obra completa: loita cos linotipistas, que non son galegos. ¡Deus dirá! Se melloro, escribireiche longo».
A Obra completa aparecería, finalmente, tres días despois de que Cabanillas finase en Cambados. Nun artigo publicado ao pouco tempo na revista Galicia, promovida polo mesmo Centro Gallego de Buenos Aires, non se deixaba nin o máis mínimo espazo para a dúbida sobre a causa de que, por desgraza, o escritor do Salnés non chegase a ter a edición nas mans: «A responsabilidade (?) cae por enteiro sobre a intolerancia da censura do Estado español, que fixo imposible a publicación da Obra Completa a comezos do ano pasado en Galicia».