O Establecimientos Otero ficha o mellor xogador galego sub 21 para cubrir a baixa de Jacobo Enseñat

La Voz

AROUSA

25 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Cambados Tenis de Mesa vén de anunciar a composición dos dous primeiros planteis do club para a vindeira tempada.

O Establecimientos Otero continuará dispoñendo do chinés Liu Junhui como xogador de referencia na División de Honra. Xunto a el repite o xuvenil Eduardo Barreiro, perla da canteira cambadesa, pero non así Jacobo Enseñat, que por motivos laborais causa baixa no conxunto.

Para suplir a perda de Enseñat, a directiva do Cambados TM fíxose cos servizos do naronense Adrián Vidal, mellor xogador galego sub 21. Ademais, Enseñat manteráse na recámara por se tivese que botar unha man puntualmente en caso de complicárselle a permanencia ao Establecimientos Otero.

Un venezolano por Hasek

Tamén no plantel de Primeira Nacional haberá unha cara nova. Ñajo Padín continuará proporcionándolle ao conxunto a dose precisa de veteranía mentres Fernando Padín seguirá rodándose coa vista posta nun pronto salto ao equipo de División de Honra. A novidade chega neste caso no posto de xogador estranxeiro. A marcha de Karol Hasek a Burgos foi suplida coa fichaxe do venezolano Alexis Tovar, que ademais de raquetista do segundo plantel do Cambados TM, fará tamén as funcións de adestrador dos rapaces da escola do club.

Noutra orde de cousas, o Cambados TM organizará esta fin de semana a vixésimo terceira edición do Torneo do Albariño de Tenis de Mesa. Concluído o prazo de inscrición, a cita acadou unha nova marca de participación, cun total de 260 xogadores apuntados.

O programa do Torneo do Albariño sitúa no sábado as probas alevíns, infantís, xuvenís e de veteráns, e o domingo os cadros de competicións de categoría absoluta.