Dobre partido do E. Otero en Cataluña, e derbi arousán entre Cambados e Liceo

La Voz

AROUSA

07 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A cuarta xornada das Ligas Nacionais de tenis de mesa ofrece esta fin de semana un interesante programa de partidos. Comezando polo dobre desprazamento do Establecimientos Otero a terras catalanas na División de Honra.

O cadro cambadés mídese hoxe o Borges, terceiro clasificado con tres victorias noutros tantos encontros liderado polo chinés Chao Zhang e o ex Súper División de Honra José Luis Andrade. Mañá o rival será o Igualada, penúltimo na táboa con tres derrotas. O E. Otero, pola súa banda, é sexto logo de gañar o seu único partido disputado.

Na Primeira Nacional, o Caixanova Cambados exerce hoxe de anfitrión do Liceo Casino de Vilagarcía. Alexis Tovar, Ñajo Padín e Fernando Padín tentarán igualar na metade da táboa a un cadro liderado polo ucraíno Sergei Nigeruk. O choque, a partir das cinco en Santo Tomé.

O Liceo Casino Sénior, colista da Segunda Nacional, busca en Vilagarcía á mesma hora a súa primeira victoria, co Arteal de Santiago como adversario.

Polo que respecta á canteira do Cambados TM, esta é a súa fin de semana: CTM Lalín-Grupo Barros; AD Vincios-Charol Complementos; e Charol Complementos-Joyería Enrique (Primeira Galega); e AD Porto Meloxo-Chinelas (Terceira Galega).