O Establecimientos Otero complícase a permanencia cun inesperado tropezo en Ibiza

La Voz

AROUSA

26 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

De ter na man media permanencia na División de Honra de tenis de mesa a ver polo retrovisor o limbo da Primeira Nacional. O Establecimientos Otero sufríu a pasada fin de semana unha inesperada derrota na súa visita ao penúltimo clasificado do Grupo 1 da categoría de prata nacional, o CTT Santa Eularia de Ibiza.

Tan só o chinés Liu Junhui deu a talla no 4-2 encaixado en terras baleares, impoñéndose por sendos tanteadores de 0-3 nos seus enfrontamentos con Álvaro Pérez e con Long Li. Idéntico tanteador, pero en contra, sufriron Adrián Vidal, a mans de Long Li e de Rafael Ramírez, e Eduardo Barreiro, ante este último e Álvaro Pérez.

Con este pinchazo o Establecimientos Otero é cuarto pola cola da clasificación a falta de sete xornadas para a conclusión do campionato, cun único triunfo de vantaxe sobre o penúltimo, o Santa Eularia, que se fixo ademais co average particular entre ambos equipos.

Malas novas en Primeira

Igual de mal lles foi aos dous representantes arousáns na Primeira División Masculina. O Liceo Casino de Vilagarcía sucumbíu 4-2 ante a AD Vincios-Espacio Vital na súa loita polo título. Agora ambos contan cos mesmos 16 puntos co Enmacosa Monteporreiro, e 2 menos co líder, a SC Padronesa, que a pasada fin de semana se desfixo por un axustado 3-4 do Caixanova Cambados. O dobres formado por Fernando Padín e por Jacobo Enseñat non foi quen de dobregar a parella Andrea Correa/Alfredo Vázquez na pugna polo tanto do desempate final. O segundo equipo da vila do Albariño é así penúltimo, a unha vitoria da zona de permanencia.

Na Segunda Nacional, o Liceo Casino Sénior recibíu un duro castigo a mans do Mercantil de Vigo, 6-0, e só un milagre evitaría xa a perda da categoría.

O Caixa Galicia Cambados descansou na Primeira Nacional Feminina, nunha fin de semana na que a canteira do Cambados TM colleitaba os seguintes resultados. Na Primeira División Galega: Diario de Pontevedra 2-5 Grupo Barros (xa clasificado para a fase de ascenso. Tomás Carbajal sumou 2 puntos, e Martín Regueiro e Ramón Padín 1,5 cada un); ADF Vincios 4-3 Joyería Enrique; e Charol 1-6 AD Vincios Esypro. E na Terceira División Galega: Chinelas 7-0 Monteporreiro, co cadro cambadés invicto unha semana máis e con pasaporte para a promoción á Segunda División.