Costas estréase nunha convocatoria do Vilalonga, no campo do Cultural Areas

La Voz

AROUSA

07 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois de caer pola mínima ante os dous mellores equipos da Liga, Deportivo B e Cerceda, o Vilalonga de Gabi Leis desprázase esta tarde a Ponteareas na procura dos tres puntos ante un rival sobre o papel máis asequible cos dous anteriores.

O Cultural Areas (17 horas) chega á presente xornada 3 puntos e outros tantos postos por debaixo do cadro arousán na clasificación da Terceira galega. Pero para o técnico do Vilalonga, «foi o equipo que máis se mereceu levarse a vitoria do Novo San Pedro esta tempada». Pola contra, na primeira volta tan só arrincou un empate de terras de Sanxenxo: 2-2.

Leis cualifica o Areas como o equipo revelación da categoría. Un recén ascendido do que «ninguén agardaba que fora facer ese fútbol que fai, combinativo e moi rápido».

A febleza do seu rival na casa debera xogar a favor do Vilalonga. No seu propio feudo, o Areas só foi quen de sumar 12 puntos en once partidos, o terceiro peor rexistro da Liga.

Melchor, por lesión, e Edu, por sanción, son baixa, e Marcelo e Villaverde foron os descartes dun Gabi Leis que convocou por primeira vez o central vigués Costas.