«Temos que elixir as mellores opcións en ataque», pide Leis

La Voz

AROUSA

Por enésima vez no que vai de Liga, o Vilalonga rematou o pasado domingo o seu partido semanal coa sensación de ter quedado sen o premio merecido sobre o terreo de xogo de turno. Nesta ocasión, no campo do Cultural Areas, no que os homes de Gabi Leis non deron pasado do empate a uns.

O técnico do Vilalonga vese obrigado a recurrir unha vez máis á inocencia dos seus xogadores á hora de explicar como o seu equipo non foi quen de gañar un encontro no que controlou o esférico e dominou o xogo. «Pasounos un pouco o que nos está a pasar este ano. Fáltanos definir. Non somos quen de matar os partidos, o rival sempre ten algunha ocasión, e remata quitándonos puntos. Temos que elixir as mellores opcións en ataque» e non morrer na beira da portería contraria como fai tantas veces o Vilalonga.

Polo demais, privados dunha vitoria merecida en opinión de Leis, o conxunto arousán segue a dar unha «imaxe excelente», di o seu adestrador. E os números dan fe. A falta de catorce xornadas para a conclusión da Liga, o Vilalonga consolídase na zona media da táboa noveno con 31 puntos, a só 1 do sétimo, o Alondras, e con 6 de colchón sobre os postos de perigo.