Irún, complicada praza para un Establecimientos Otero coa moral alta tras a súa vitoria sobre o Borges

La Voz

AROUSA

20 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Establecimientos Otero desprázase esta fin de semana a Irún para medirse mañá, a partir das dez e media da mañá, o Leka Enea.

Un enfrontamento que lles esixirá a Liu Junhui, Eduardo Barreiro e Adrián Vidal o mellor de si mesmos, toda vez que o rival de turno figura terceiro na clasificación, a só 2 puntos do segundo, o L'Escala.

Os xogadores do equipo galego aferraránse á confianza gañada hai sete días en Cambados a raíz do seu triunfo sobre o Borges General D'Olis, cuarto na táboa do Grupo 1 da División de Honra de tenis de mesa.

Na Primera División Nacional, o Liceo Casino non debera ter excesivos problemas para superar, tamén mañá domingo (11 horas) o Oviedo TM. Un conxunto que é antepenúltimo na clasificación da Liga con só 8 puntos, e que debera de chegar ao choque moi desgastado.

Non en van, o Oviedo TM xogaráse máis de media permanencia hoxe mesmo, no pavillón de Santo Tomé, onde a partir das cinco da tarde se terá que enfrontar a un Caixanova Cambados sen marxe de erro desde a súa segunda praza pola cola da táboa, con 2 puntos menos co seu adversario de turno. Jacobo Enseñat, Ñajo Padín e Fernando Padín voltan a defender as cores arousás.

O Liceo Casino Sénior ten pola súa banda a súa derradeira oportunidade de despedirse da Segunda Nacional inaugurando o seu casilleiro de vitorias, enfrontándose esta tarde ás cinco o San Xoán TM, o segundo peor equipo do campionato.

Na Primeira División Nacional Feminina o Caixa Galicia Cambados xogará mañá na casa (11.30 horas) co AD Dubra Tambre, un dos líderes da categoría.

Polo que respecta á canteira do Cambados TM, estes son os seus partidos esta fin de semana. Na Primeira División Galega: Grupo Barros-Breogán Oleiros (hoxe, 17 horas, fase de ascenso); Narón-Joyería Enrique (mañá, 11 horas, fase de descenso), e Hípica-Charol (hoxe, 17 horas, fase de descenso). Na Terceira Galega, grupo de ascenso, concentración en Cambados co Liceo Júnior, AD Vincios, Mecos TM, Helios Bembibre, Virxe do Mar e o local Chinelas. E na Segunda Nacional Feminina, o Cambados TM disputa a primeira fase por concentración fronte a Oroso, AD Dubra Tambre, Club del Mar de A Coruña, e AD Vincios.