E o premio é para... César Veloso

AROUSA

O pai do ciclista recolleu a distinción ao Mellor Deportista Local do 2009 no auditorio de Vilagarcía, ao atoparse o fillo na Volta ao Algarve

20 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Certo é que a decisión do xurado do premio ao Mellor Deportista Vilagarcián do Ano é o segredo mellor gardado na capital arousá. Ninguén, agás a propia secretaria do xurado, coñece a identidade do galardoado antes da lectura do seu fallo na Gala Local do Deporte. Pero a poucos lles estrañou escoitar o nome de Gustavo César Veloso no momento máis importante do acto que onte reuníu a varios centos de promesas e deportistas consagrados de Vilagarcía nas ateigadas gradas do auditorio do antigo recinto de Fexdega.

Unha porra entre colegas de profesión situaba o ciclista de Bamio como favorito, co taekuondista do Olimpic Raúl Bouzas case á par. Sen desmerecer ao resto dos candidatos, e aínda co rutilante destello do título mundial de Platú 25 da tripulación do Mexillón de Galicia-Vilagarcía e o seu triplete nos campionatos Ibérico e de España, semellaba que o impacto das fazañas de Veloso e Bouzas lles daban certa vantaxe. O primeiro, como gañador da novena etapa de toda unha Volta a España, unha xesta no fondo e na forma que puideron seguir centos de miles de espectadores de todo o mundo a través da televisión. O segundo, Raúl, co mérito de conseguir aparecer nos anais do taekwondo á cabeza do palmarés do seu peso no Campionato de Europa Sub 21. Unha categoría de nova creación no 2009 na que se proclamou primeiro campión.

Dirixida con soltura e graza polo dobrador, guionista televisivo e locutor radiofónico Carlos Jiménez, a gala repetíu o esquema dos últimos anos. Vídeos das actividades da Fundación de Deportes, dos galardoados coas mencións e dos candidatos. Varios rapaces de varias das canteiras deportivas da localidade encargáronse de ler os nomes e os seus méritos, cunha nena do Olimpic, Sofía, apuntando maneiras de showman . E así se chegou ao momento decisivo, de novo con varias ausencias entre os candidatos. O pai de Gustavo, Rogelio César, recolleu o premio do ciclista, e fixo o probablemente mellor discurso das 21 edicións da Gala: «O meu fillo non o vai crer. Síntoo polos demais, pero hai que tomalas como veñen».