A plataforma Queremos Galego anunciou onte a posta en marcha de novas medidas en contra da política lingüística da Xunta de Galicia. Entre elas, a presentación dunha «iniciativa popular pola garantía dos dereitos lingüísticos» que lle levará a recoller firmas por todo o país. Tamén no Salnés, onde está previsto instalar mesas de recollida de sinaturas en centros de traballo, en eventos e festas e, de xeito itinerante, por distintos municipios.
Esta campaña comeza xa e espérase tela rematada o 17 de maio, aínda que o prazo para presentar as firmas aínda remata o 25 de xullo. Esta iniciativa persegue levar ao Parlamento galego as demandas da plataforma, toda vez que o PP frustrou a posibilidade -facendo valer a súa maioría na mesa do Parlamento- de que se tramitara unha iniciativa lexislativa popular. Esta outra vía, a da iniciativa popular, abre a posibilidade de propoñer cambios na lei a través dos grupos políticos.
Para elo, a plataforma debe reunir un mínimo de 15.000 firmas de persoas empadroadas en Galicia e van pedir a sinatura, tamén, de persoeiros relevantes do mundo da cultura «para que fagan a función de avalistas», segundo explicaron onte desde a plataforma. «Confiamos no éxito da campaña», engadiron.
Os representantes da plataforma no Salnés anunciaron «que non nos van parar» na súa loita contra «a imposición do decretazo en contra do galego no ensino» e con este obxectivo van seguir organizando charlas informativas pola comarca. Xa as houbo en Vilagarcía e Cambados e o 9 de abril será en Sanxenxo. Logo será a quenda do Grove e da Illa de Arousa. A plataforma acusou onte ao PP de instalarse «na extrema dereita españolista» e de pretender «acabar co noso idioma».
Concerto reivindicativo
Esta reivindicación tamén terá a súa vertente lúdico-cultural. A plataforma organizou un concerto para o 17 de abril, no recinto feiral de Pontevedra, no que actuarán catorce grupos e intérpretes: Luar na Lubre, Zurrumala, Fuxan os ventos, Os 3 Trebons, A Quenlla, Fía na Roca, García Mc. Galegoz, Lamatumbá, Os Carunchos, Espido, Uxía Senlle, Berrogüeto e a Asociación de Gaiteiros Galegos. As entradas custan 12 euros e 10 euros en venta anticipada. Para O Salnés resérvanse 200 entradas. Pódense mercar en varias librarías da bisbarra, nos locais do BNG e a CIG e a través da web da plataforma.