O Liceo Casino disputa en Almendralejo a súa segunda fase de ascenso á División de Honra de tenis de mesa

La Voz

AROUSA

10 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Sergei Nigeruk, Fran Monroy, José Luis Recuna e Antonio Castro, este último en calidade de reserva, buscan esta fin de semana o ascenso á División de Honra do tenis de mesa español. Na súa segunda intentona consecutiva, os integrantes do Liceo Casino desprazáronse onte ata a localidade extremeña de Almendralejo, onde se concentran os doce mellores conxuntos dos diferentes grupos da Primeira División Nacional.

Divididos en catro grupos de tres equipos, os dous mellores de cada un ao termo do día de hoxe cruzaránse nos cuartos de final de mañá. Unha eliminatoria que outorgará aos seus gañadores o ascenso.

A condición de campión do grupo galego servíulle ao Liceo Casino para partir no sorteo de onte coma cabeza de grupo e eludir deste xeito os cocos da fase de Almendralejo.

Burgos e San Javier, os rivais

O conxunto vilagarcián quedou encadrado no mesmo grupo co Caja de Burgos e co San Javier de Murcia, ambos subcampións das súas respectivas Ligas.

Co último equipo comezará a fase de ascenso o Liceo Casino, a partir das once da mañá. Nas filas rivais salientan o rumano Birlán, un dos mellores xogadores da Primeira División andaluza, e Gabriel García.

O Caja de Burgos será o enimigo liceísta a partir das sete da tarde. Nel os xogadores vilagarciáns atoparán a un vello coñecido do tenis de mesa arousán. O eslovaco Karol Hasek, que durante varias tempadas defendeu a camisola do primeiro plantel do Cambados T.M. Un xogador de calidade ao que acompaña un dos mellores raquetistas españois xuvenís, Javier Ausín.

Antonio Castro comentaba onte ao termo do sorteo que «no nos ha tocado el peor de los grupos», pero salienta a obriga do Liceo Casino de rematar primeiro, xa que «si acabamos segundos, en el cruce nos encontraremos con el primeiro del Grupo 1, que seguro va a ser el Almendralejo». E o club anfitrión «es el mejor de la fase con diferencia», din os galegos.

O ano pasado, en Astigarraga, Guipúscoa, o Liceo quedouse ás portas dos cuartos de final tras sufrir dúas axustadísimas derrotas ante o CAI Santiago de Zaragoza e o Santa Eularia de Ibiza. Os dous acabarían ascendendo. A experiencia debería de axudar en Almendralejo.