O ciclo de teatro galego continúa en Vilagarcía coa primeira obra de suspense que se fai na comunidade
14 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O venres volve o teatro ao auditorio de Vilagarcía, pero faino nun rexistro pouco común. A compañía Redrun Teatro presenta a que pasa por ser a primeira obra teatral que se fai en Galicia no xénero do suspense. A pensión , que ese é o seu título, chegará ademais nunha dobre sesión. Pola mañá, ás once e media, interpretarase para estudantes de Secundaria e Bacharelato. Pola tarde, no horario habitual (21 horas), terá lugar a sesión para o público xeral.
Neste último caso, o prezo das entradas será de seis euros na zona A do patio de butacas, cinco euros na zona B, e catro na zona C.
A obra está dirixida por Álex Sampaio, director tamén da serie de televisión El internado e de varias temporadas doutras series na Televisión de Galicia, como Padre Casares , T erra de Miranda ou Valderrei .
No elenco figuran a veterana actriz Rosa Álvarez e os mozos Tamara Canosa -protagonista, entre outros traballos, da película Pradolongo - e Guillermo Carbajo -Roi en Pratos combinados -.
A pensión é unha obra profunda, que entra na complexidade das relacións. Fala de como o abandono, o illamento e a falta de comunicación poden corromper ao ser humano e despoxalo da capacidade de emocionarse e de ser feliz.
As relacións humanas abórdanse a través da historia dun choque xeracional e cultural entre a mocidade e a vellez. Guillermo Carbajo avanzaba onte algúns detalles do argumento: «Eu son Santiago, un rapaz de 18 anos que chega a estudar a Compostela a unha pensión que rexenta Sara. Entre ambos establécese unha relación que mudará cando aparece Clara, que interpreta Tamara Canosa».
Esta explicaba onte, no acto de presentación da obra, que Redrum Teatro é unha compañía nova de xente nova, que vén sobre todo do cine e da televisión. Esta fusión do audiovisual co teatro deu como resultado A pensión , «unha obra diferente», que «non é complicada, fala de sentimentos e de frustracións, pero pódea entender todo o mundo».
Para esta actriz tan nova, esta é unha obra que pode enganchar, e iso é algo esencial cando se trata, como será o caso do venres, de rapaces de instituto.
Tamara Canosa dá aínda outra razón máis para non perder esta representación: «No teatro asustar é complicado e Sampaio consegue espertar cousas no espectador que está afeito a sentir no cine».
Mentres, o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, invita a os centros educativos da comarca a achegarse o venres para asistir a este espectáculo.
Os espectadores que xa deixaran o instituto poden mercar as entradas a través da páxina web de Caixanova ou na billeteira telefónica 902 504 500, e o mesmo día da representación no despacho do auditorio desde as sete da tarde.