A voces femininas de Guadi Galego, Ugía Pedreira e Uxía protagonizarán o fin de semana vilagarcián
03 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Aínda que sexa por poucos días, Vilagarcía volve recuperar esta fin de semana o escenario da Comandancia, que nos últimos veráns tantas noites de troula lle dera á cidade. Este ano ese edificio está ocupado polas oficinas da Autoridade Portuaria, o que imposibilita que se poida colocar un escenario permanente. Con todo, para non perder de todo ese costume o Concello e o Porto chegaron a un acordo que permitirá recuperar durante tres días ese palco que mira cara a Alameda.
Desde alí poderanse escoitar o venres, o sábado e o domingo as voces de tres mulleres galegas: Guadi Galego, Ugía Pedreira e Uxía. Esta última estivo onte en Vilagarcía para acompañar ao concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, na presentación deste ciclo de concertos na Alameda, tamén chamados Músicas Portuarias . Uxía aproveitou este acto para comentar que lle parece «moi interesante o concepto das músicas de muller ligadas ao mar e aos portos». Os concertos, que serán de balde, terán lugar venres, sábado e domingo a partir das dez e media da noite.
O programa
A encargada de inaugurar este ciclo será a cantante de Cedeira Guadi Galego, que actuará co trío de Alejandro Varga, pianista cubano. Xuntos repasarán o último traballo en solitario de Guadi, Benzón , que gañou o premio ao mellor disco folk do ano nos premios Opinión da Música. O sábado será Marful, un dos grupos de referencia da música galega, o encargado de animar a noite vilagarciá coa voz de Ugía Pedreira á fronte.
Este paquete de concertos pecha o domingo cunha das artistas galegas máis internacionais. Uxía actuará acompañada polo brasileiro Sergio Tannus e o uruguaio Alejandro Luzardo. Os tres xuntarán o seu talento para amosarlle ao público os temas do último traballo de Uxía, Eterno Navegar . «Farei un percorrido pola música dos territorios atlánticos, temas do meu último disco e tamén unha retrospectiva», adiantaba onte a cantante.
Na organización deste ciclo de concertos colaborou tamén o Central Folque, un proxecto pensado para a promoción da música galega. Un dos seus representantes, Mauro Senín, estivo onte en Vilagarcía nos actos de presentación deste ciclo no que tamén colaboran a asociación de iniciativas turísticas da capital arousá e a asociación de comerciantes Zona Aberta.