Cando o tempo corre pero a xente non ten novas sobre as cousas que lle interesan, o imaxinario popular comeza a encher os baleiros informativos. Este venres alguén debería ler o pregón das festas de San Roque dende a balconada da Casa Consistorial de Ravella, o interior do salón de plenos ou onde a oficialidade teña a ben citar os veciños. Quedan para ese peculiar intre menos de catro días e o persoal ignora aínda a identidade de quen poñerá voz e rostro ao inicio da fenomenal parranda patronal de agosto. Así que percorre a vila un curioso ruxe ruxe do máis interesante, a verdade. Onte, unha rapaza dixo moi seria nun bar, e non foi a única informante nin a única taberna na que tal se afirmou, que a pregoeira do 2010 ía ser... ¡Belén Esteban! Dende estas liñas debemos admitir o noso descoñecemento. Sospeitamos que, máis que respostar a un serio e meditado labor de producción das infalibles autoridades, a atribución do pregón á «princesa do pobo», como alguén deu en chamar a esta señora de tabique diverxente, debe de responder a unha lóxica elemental, que mete esta muller na división de grandes cantantes coma Francisco, gloria e bandeira dos concertos deste ano. Pero, oes, quen sabe.