Berrogüetto marcará este sábado a personalidade galega en Vilagarcía co concerto que abrirá San Roque
AROUSA
Este sábado, Berrogüetto, un dos grupos de folk galego de maior prestixio, abrirá as festas de San Roque, en Vilagarcía, cun concerto que se atopa dentro da xira de presentación do seu último disco Kosmogonías e no que tamén incluirán temas dos seus catro traballos anteriores.
Este concerto será o primeiro das festas de San Roque, que rematarán o día 22, e celebraráse o sábado ás 23 horas na zona da Alameda, onde se instalará un camión-escenario e onde os asistentes poderán disfrutar do espectáculo tanto de pé como sentados, posto que no lugar se habilitarán cadeiras para aqueles que prefiran escoitar a súa música dun xeito máis relaxado.
O concelleiro de Cultura, Castro Ratón, insistiu en que este grupo «marcará a personalidade galega das festas de San Roque, ao igual que o ano pasado o fixeron Milladoiro ou Mafalda». Ao mesmo tempo, Castro Ratón definiu ao grupo Berrogüetto como «un referente na música tradicional evolucionada dos séculos XX e XXI» e destacou a importancia da súa asistencia a Vilagarcía.
Anxo Pintos, o líder e un dos sete integrantes deste grupo, reivindicou onte a «importancia de dar cabida á música de grupos galegos, que fóra do noso país son moi ben acollidos e que ás veces aquí non se lles presta a atención que se debería». Nun ton máis espiritual, Anxo Pintos tamén quixo recalcar que este disco Kosmogonías se centra «na forma de entender de onde vimos e que facemos aquí. Somos unha especie efémera e isto debería dotar ao ser humano dunha humildade que moitas veces non ten nin co planeta nin cos nosos semellantes».
Neste último traballo o grupo galego contou con colaboracións de luxo coma as de Rosa Aneiros ou Manolo Rivas, que coa cesión dun dos seus poemas é a base do tema Alalá da noite que abre Kosmogonías.
Este grupo, innovador dende os seus comezos, presentará en Vilagarcía un directo que transcende máis alá do son, pois supón unha experiencia na que se conxugan a música, a danza e a imaxe.