O desfile de carrozas co que remata San Roque promete este ano efectos novidosos
AROUSA
O desfile das carrozas das festas de San Roque celebraráse hoxe ás 21.00 horas e contará este ano con oito vehículos. Catro deles serán carrozas máis dirixidas ao público infantil, haberá tamén dúas carrozas representando aos anxos e aos demos e unha carroza de peche con percusión africana. O último dos coches será un tren urbano no que irán os nenos.
Esta actividade é o símbolo do peche das festas e congrega cada ano a milleiros de persoas nas rúas de Vilagarcía. Segundo Castro Ratón «este é o terceiro evento multitudinario das festas. O primeiro é o Combate Naval, o segundo a Festa da Auga, e o terceiro e sen dúbida, o desfile de carrozas».
O seu éxito comezou xa antes do desfile, pois as prazas para trasladar aos nenos nas carrozas superáronse hai xa tempo. Deste xeito e por seguridade un tren urbano percorrerá tamén o desfile cargado cos nenos que non acadaran praza nos coches, que tamén lanzarán serpentinas dende el.
Juanjo Rodríguez, de Construcciones Artísticas Juanjo Rodríguez, foi o encargado dos traballos das carrozas durante todo o tempo que se estiveron preparando. Rodríguez sinalou que «a novidade máis espectacular é, sen dúbida, a introdución de dous efectos especiais nunca vistos en Vilagarcía. Estes son o efecto de expulsión de CO2 a menos 80 graos e o de lume natural».
Apoiando o seu traballo, Castro Ratón sinalou que «sempre hai que ir co punto de vista do espectáculo para darlle algo máis cada ano. Por iso, non queremos que a xente o vexa como algo rudimentario e valore as novidades»
O concelleiro de Cultura quixo tamén facer un chamamento aos veciños para que se extremen as precaucións no desfile, xa que sinala que «é un evento multitudinario que se pode observar desde distintos lugares, polo que non convén que se fagan embotellamentos». Para maior seguridade, o servizo de Emerxencias e Protección Civil de Vilagarcía estarán en todo momento velando polo desenvolvemento do desfile.
O percorrido das carrozas, que estarán acompañadas en todo momento pola música de grupos tradicionais e charangas, comezará na explanada do auditorio e fará o circuíto tradicional pasando pola Avenida da Mariña, Conde Vallellano, Arcebispo Logo, Alexandre Bóveda, Castelao, Xeneral Pardiñas, Praza de España, Edelmiro Trillo, Padre Feijóo e Conde Vallelano, para volver de novo ao auditorio.