A burra de Padrón chegou en primeiro lugar tanto na carreira de homes, levando a Francisco, como na de mulleres, con Nuria
07 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.San Miguel viviu onte o seu día grande. Os festexos da fin de semana deron paso ao prato forte das festas de San Roque de cada ano. A emoción mastigábase no ambiente, e é que, nos arredores da praza da igrexa congregáronse pequenos, mozos e adultos procedentes de Vilanova e de outros lugares da comarca. O motivo non podía ser outro: a carreira de burras.
Os participantes da carreira estiveron escribindo as súas burras até o último momento. Mentres, os seus peculiares monoprazas esperaban na liña de saída. Uns minutos máis tarde das 19 horas comezaba, co son da campá da igrexa, o mesmo que recibiu aos participantes á súa chegada acompañado dun foguete.
Tras unha intensa carreira, os afeccionados reuníanse na meta para recibir á campioa: a burra Ferrari, que xa é toda unha experta nesta carreira, e á que todos coñecen, pois que só lle falta poder firmar autógrafos.
A dificultade para adiantar na carreira dos homes, que contou con nove participantes, fixo do circuíto de San Miguel unha especie de Gran Premio de Mónaco, pois os que pasaron primeiros na primeira volta, chegaron finalmente nas mesmas posicións. Tras Ferrari e Francisco, que luciron o dorsal número catro, chegaban Facundo e Marcos Ferro, co dous, e Gitano e Diego Pérez, co número cinco.
Pola contra, a carreira das mulleres, na que houbo seis participantes, sufriu un continuo cambio entre a segunda e a terceira posición. O primeiro lugar foi indiscutiblemente para Ferrari, cuxo dominio do terreo está máis que demostrado. Nuria chegaba subida dela lucindo o número cinco. Seguidamente chegaron a burra Mucha, con Guillermina á fronte e co dorsal tres, e Facundo e Yoli, co número un. Neste caso, os membros da organización aludían á necesidade da foto finish, pois Mucha e Facundo realizaron un espléndido sprint final que sementou dúbidas sobre as súas posicións.
Ao remate da carreira, a festa seguiu coa súa programación, na que non faltaron xogos tradicionais como o tiro á corda, a subida ao pau ou o porrón, que tamén rexistraron unha gran atención por parte dos asistentes.
Finalmente, arredor das 21.30 horas, todos os participantes foron obsequiados cun saco de alimento para os animais. Os tres primeiros, levaron ademais un trofeo e 100, 75 e 50 euros respectivamente, tanto homes como mulleres.