O Xuventude estréase esta noite na Copa Galicia fronte ao Estudiantes de Lugo, logo de vapulear o C.B. Vigo
AROUSA
Co España-Serbia do Mundial de baloncesto agardando mañá, hoxe o Establecimientos Otero Xuventude confía nas súas moitas caras novas como cartel para atraer os seus socios e demais afeccionados ao primeiro partido oficial da tempada. Ás oito e media da tarde, no pavillón do Pombal, o conxunto adestrado polo vilagarcián Diego Doval recibe o Estudiantes de Lugo na segunda xornada da Copa Galicia.
Na primeira o cadro cambadés descansou, encadrado nun grupo de tres equipos no que tamén figura o Breogán. O cadro lucense, que este sábado visitará a cancha do Establecimientos Otero, despachouse hai uns días a gusto co seu filial de Liga EBA, na que comparte competición co Xuven. O resultado non precisa de máis comentarios: 38-112. Probablemente, un marcador axustado ao mundo que separa un conxunto modesto da cuarta categoría estatal dun dos fixos nas quinielas para retornar á Liga ACB desde o seu descenso á LEB Ouro.
O adestrador do Establecimientos Otero recoñecía onte que non ten moitas referencias respecto ao Estudiantes de Lugo 2010/11, pero polo que sabe trátase «dun equipo moi semellante ao da tempada pasada. Cun plantel de xente xoven e moi grande, con moita presenza física baixo os taboleiros» de ambas canastras.
Será pois esta unha boa maneira de comezar a testar o potencial do novo xogo interior do Xuventude, reforzado este verán coa incorporación do internacional cubano Grismay Paumier. Xunto a el continúan o seu compatriota Juan Mato, Marc Martret e Norman Rey.
Repaso a un Primeira Nacional
O de hoxe será en sentido estricto o segundo encontro de pretempada ligueira para o Establecimientos Otero Xuventude. O conxunto de Diego Doval probouse na tarde do pasado sábado, tamén no pavillón do Pombal, co Club Baloncesto Vigo coma rival de adestramento.
E é que polo marcador final, 98-39, o C.B. Vigo non lle permitíu ver grandes cousas ao técnico amarelo, que no descanso contemplaba como os seus homes xa vapuleaban a un dos equipos punteiros da última Liga da Primeira División Nacional, con 38 puntos de vantaxe.
A intensidade defensiva dos seus homes e a excelente porcentaxe de acerto no lanzamento exterior durante a primeira parte, con nove canastras de once intentos, foron as notas máis positivas. A cruz, a sobrecarga muscular de Manu Fernández, que converteu o aleiro en dúbida fronte ao Estudiantes.