Gestoso e Arce, campións galegos de 420 ao valer os resultados do sábado pola falta de vento

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

21 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A falta de vento na mañá do domingo obrigou a suspender no peirao de Vilagarcía as dúas derradeiras mangas programadas no Campionato Galego da Clase 420. Deste xeito, con sete saídas ao mar completadas, validáronse os resultados da xornada do sábado, proclamándose campións autonómicos os vilagarciáns sen bandeira David Gestoso e Isaac Arce, con 12 puntos. Subcampións foron Carlos Castelao e Jorge Lorenzo, do CN Vigo, con 14 puntos, e terceiros os liceístas Rodrigo Abalo e Santiago González, con 19.

Os resultados da cita da pasada fin de semana serviron para completar as catro probas valedeiras para a confección da selección galega que competirá na Copa de España de 420, o 12 de outubro en Castellón, e no vindeiro Campionato de España da clase, na Semana Santa do 2011. E alí estarán dúas tripulacións do Liceo Casino de Vilagarcía. A formada por Óscar Gómez e por Pablo Guerrero, líderes do ránking autonómico, e a integrada por Roi Rogel e por Óscar Lages.

Noutra orde de cousas, o tamén liceísta Jacobo García finalizou o domingo en augas de Aguete segundo na categoría C da primeira regata puntuable para formar o novo equipo galego de Óptimist.