«Fole non ten peso pero pode estar ben para ir de copas»

La Voz

AROUSA

Licenciada en Dereito, Dolores García tivo ilustres compañeiros de facultade. Entre eles, Mariano Rajoy, Javier Gago e Antolín Sánchez Presedo. O percorrido polos personaxes políticos que a rodearon e a rodean comeza por eles: «A Mariano coñecino aquí, en Vilagarcía, cando a súa familia vivía en León e viñan no verán á praia; lembro que na facultade sentaba sempre cos de Pontevedra; con Javier eu non tiña moito trato, pero a súa imaxe era a dun pouco chapón; tamén Rajoy era moi estudoso. ¿Sabe quen estaba con nós? A muller de Ventura Pérez Mariño, Dolores Galobar, que traballa no Valedor do Pobo».

-Se lle parece podemos falar, agora, dos seus compañeiros na política vilagarciá. Comecemos polo seu propio grupo. ¿Que tal Marcelino Abuín?

-Coa súa maneira de ser, é un home que traballou e segue traballando por un proxecto de cidade no que cre. Brillante.

-Victoria Hierro.

-Chegando ela doutra etapa, para min foi un descubrimento. Unha persoa con valores. Vive moitísimo as cuestións vencelladas a Muller e Sanidade.

-José Membrives.

-Probablemente a súa é a concellería menos agradecida. Pasouno mal en moitos momentos e a min criticóuseme que non o apoiase abondo. Persoalmente sempre o respaldei.

-Rodríguez Cuervo.

-Dende o comezo trateino con cariño. Dixo sempre que era o seu último mandato. Boa relación, pero custoulle integrarse ou o fixo á súa maneira.

-Susana Camiño.

-Non a coñecía persoalmente. Ela sempre di que a perde a súa maneira de ser, pero no ámbito educativo fixo moitísimas cousas, varias, por certo, que lle correspondería facer á Xunta. Implicouse moi a fondo en todos os programas.

-Tania García.

-A Tania si a coñecía. Unha persoa demasiado responsable, moi preocupada.

-Dolores Couso.

-Levámonos moi ben. A súa decisión de marchar tamén foi completamente persoal.

-Modesto Pose.

-A Modesto téñolle un aprecio especial, e encima é médico. Xa o dixo el, a nosa é unha relación de agarimo. Sempre foi moi comprensivo.

-Imos agora cos socios. ¿Xosé Castro Ratón (BNG)?

-Xosé, dígolle ás veces, somos parella. «Política, ¿eh?», resposta el. Somos unha parella política moi ben avenida .

-¿E con Ana Lorenzo e Rosa Abuín (BNG)?

-Moi ben, e iso que ás veces non estamos de acordo. Esas son pelexas de verdade, e ao cabo amañámonos sempre.

-Pasemos, logo, á oposición. Tomás Fole (PP).

-El tiña máis experiencia ca min, pero podo dicir que nunca votaría por el. Non me ofrece peso como persoa. Non ofrece a seguridade que si che pode dar, por exemplo, Castro Ratón. Parece ser que aprendeu co tempo, pero se este é xa o seu terceiro intento... xa me dirás. Dende fóra non me parece unha persoa moi traballadora. Non ten peso pero pode estar ben para ir de copas... aínda que nunca coincidimos.

-Juan Fajardo (EU).

-Deume pena cando non conseguimos un acordo de goberno. No trato é unha persoa cordial, pero politicamente parece que chegas a acordos e despois non sabes que pasa. Entendo que teña que distanciarse do PSOE, porque en moitos aspectos estamos máis á esquerda ca eles e podémolos comer.

-José Luis Rivera.

-Ten moita experiencia, sabe o que é un Concello. Institucionalmente é o máis correcto, como vén de demostrar co anuncio da miña renuncia.