Establecimientos Otero e Liceo Casino protagonizan en Cambados o gran derbi do tenis de mesa arousán

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

16 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Quixo o sorteo do calendario da Primeira División Nacional que o Establecimientos Otero e o Liceo Casino se visen as caras ben cedo esta tempada. Concretamente, na segunda xornada da Liga de Primeira División Nacional de tenis de mesa. Ás 18 horas, no pavillón de Santo Tomé, comeza hoxe o derbi arousán.

Os dous equipos comparten obxectivo esta tempada, cos dous aspirando ao ascenso á División de Honra estatal. Un reto no que o conxunto cambadés parte con maiores opcións sobre o papel. Liderado polo nixeriano Ahmed Kazeem, ben secundado por Fernando Padín e por Adrián Vidal, o Establecimientos Otero chega ao choque desta tarde logo de vencer na xornada inaugural da Liga 4-2 o Enmacosa Monte Porreiro. Idéntico resultado positivo ao colleitado polo Liceo Casino de Sergei Nigeruk, José Luis Recuna e Francisco Monroy fronte ao Vincios.

Segunda Nacional e canteira

No mesmo escenario do derbi da Primeira Nacional, o filial de referencia do Establecimientos Otero, o Grupo Barros, abre a xornada de hoxe co seu duelo co Cinania de Cangas. Será a partir das cinco da tarde, nun encontro teoricamente asequible para o plantel cambadés, ao atoparse enfronte cun dos equipos máis modestos da Segunda División Nacional. Na mesma categoría, o Joyería Enrique visita a un adversario directo na loita pola permanencia, o Vincios.

Polo que respecta ao resto da canteira do Cambados TM, o Chinelas desprázase hoxe a Lalín para xogar contra o equipo do mesmo nome na xornada da Primeira División Galega, nun partido que se presume do máis igulado. E na Segunda División Galega, o Charol Complementos recibe hoxe ás cinco no pavillón de Santo Tomé o Helios Bembrive, noutra boa ocasión para os máis novos do club de seguir mellorando o seu xogo.