Teatro do Adro debuta en Vilagarcía coa súa nova proposta, «Ai, Carmela!», protagonizada por Josito Porto e Melania Cruz
19 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Esta semana arrinca en Vilagarcía o ciclo Teatro de Outono, e faino con unha estrea que, ademais, ten a Josito Porto, un actor de colleita propia -el mesmo se encargou onte de recordar a súa orixe vilagarciá-, como un dos protagonistas. «Estamos ante unha estrea absoluta que se vai facer cunhas características moi especiais», comentaba onte o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón. Haberá, efectivamente, dúas sesións, unha preestrea o xoves ás nove da noite e unha función aberta ao público o venres a esa mesma hora.
A sesión do venres no auditorio terá, ademais, unha finalidade social. Teatro do Adro decidiu ceder o importe que se recade nesa primeira función á fundación Lar. En base a iso decidiuse fixar un prezo unitario de cinco euros. As entradas venderanse na billeteira do auditorio e non estarán numeradas, de xeito que o público irá escollendo sitio segundo vaia chegando ao auditorio.
Segundo explicaba onte Jesús López, representante de Lar que estivo na presentación da obra de teatro, todo o que se recade este venres irá destinado ás obras do centro de menores que a fundación vai acometer no pazo da Laxe onde a asociación ten a súa sé.
Ocasión, polo tanto, para axudar a Lar o venres, pero tamén para asistir á estrea desta peza na que se mesturan o cabaré, o teatro musical, a comedia e o drama. Todo para darlle resposta a unha cuestión: Ante unha situación de profunda crise, ¿cal é o papel que deben xogar os artistas?
Josito Porto e o director da obra, Tito Asorey, estiveron tamén onte en Vilagarcía para invitar ao público a que asista a esta representación. O actor vilagarcián lembrou que o sector vén de pasar un momento delicado, porque «o compañeiro Suso Díaz decidiu adiantar a súa despedida». Pero como saben «que estará no patio de butacas» quérenlle dedicar estas dúas funcións de Vilagarcía coas que abren este espectáculo «montado á marxe das axudas oficiais».
¿Que atoparán os espectadores que se acheguen ata o auditorio para ver este Ai, Carmela! ? Unha mestura de «amor, música e drama» que trae a Galicia a obra que Sanchís Sinisterra ambientou en Belviche. No inverno do ano 1938, dous cómicos, Carmela e Paulino, son arrestados polo bando nacional e obrigados a realizar unha función para celebrar a vitoria na batalla do Ebro ante un público no que hai varios condenados a morte.
«A nosa Carmela quizais non é tan folclórica como a orixinal, pero é especialmente galega», dicía onte o premiado director da obra, Tito Asorey, quen insiste en que a peza é, «principalmente unha comedia, pero tamén ten unha parte moi emotiva». Quen queira comprobalo ten unha cita o venres, ás nove da noite, no auditorio vilagarcián, por un módico prezo de cinco euros.