A compañía Sarabela achega a Vilagarcía a súa última e premiada proposta, na que revisita «A Esmorga»
17 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A casualidade quixo que en poucos días coincidan en Vilagarcía as dúas obras con maior número de recoñecementos este ano nos premios María Casares. Mañá mesmo chegará a compañía Lagarta Lagarta coa obra O segredo dos Hoffman , que acadou catro galardóns nese certame; e o domingo será Sarabela Teatro quen poña en escena A Esmorga , que obtivo cinco distincións. O domingo, e tamén o luns, porque esta peza volverase interpretar o luns no marco do programa Bocaberta para escolares.
Sarabela retomou o pasado venres as representacións desta peza, interrompidas tralo falecemento o pasado 12 de outubro de Suso Díaz, escenógrafo, iluminador e actor, que interpretaba o papel do Bocas. Vicente de Souza dálle vida agora a ese personaxe.
Quen queira pasar unha tarde do domingo de esmorga pode comprar xa as entradas a través da páxina web de Caixanova ou da billeteira telefónica 902 504 500. O prezo será de cinco euros na zona A, catro na zona B e tres na zona C. Tamén se poden adquirir o mesmo día da representación, desde as sete da tarde, no auditorio.
Para presentar esta proposta estivo onte en Vilagarcía a actriz Fina Calleja, quen lle agradeceu ao Concello de Vilagarcía a dispoñibilidade para cambiar as datas despois do falecemento do seu compañeiro, para destacar, a continuación, a presenza dun «trío de actores potentísimo» para a que ela considera a novela cumio da literatura galega.
De feito, Sarabela recunca con A Esmorga , da que a compañía xa fixo unha primeira versión hai uns catorce anos. Hai nesta ocasión, non obstante, algunhas novidades con respecto á primeira achega. Hai, sobre todo, segundo explicou Fina Calleja, «un discurso moito máis social con respecto á primeira versión».
Con esta peza conmemóranse os 50 anos da publicación da novela cume da narrativa galega e os trinta anos do pasamento do seu autor, Eduardo Blanco Amor. Foi a gran triunfadora nos premios María Casares, nos que obtivo os galardóns ao mellor espectáculo teatral, ao mellor texto adaptado, á mellor escenografía, mellor iluminación e mellor actor secundario para Tito Asorey. Ademais, a montaxe de Sarabela tamén obtivo un recoñecemento a nivel estatal ao ser nominada como mellor espectáculo revelación nos premios Max de teatro, os máis importantes de España.
Cibrán, Bocas e Milhomes volven polo tanto a facer partícipe ao público vilagarcián da súa interminable noite de esmorga.