Vilagarcía rende homenaxe ao poeta Miguel Hernández nun acto organizado por Concello e PCG
AROUSA
Hai tempo que o Partido Comunista de Galicia, integrado en Esquerda Unida, quería ofrecer unha homenaxe ao poeta Miguel Hernández en Vilagarcía, vila que ten dedicado o seu principal espazo de lecer urbano, o parque creado sobre o vello recinto de Fexdega, á memoria do grande autor. E o momento xa chegou. Será mañá, ás once e media da mañá, no auditorio municipal.
No acto intervirán o profesor e sobranceiro militante comunista Xesús Alonso Montero e a poetisa Laura Pérez Landeira, que ofrecerá un recital co acompañamento musical de Leonardo Blanco. A idea do evento, no que colabora o Concello de Vilagarcía, é non limitarse á faceta literaria de Hernández, senón, pola contra, subliñar o seu compromiso ideolóxico, que ao cabo lle causou á morte logo de contraer tuberculose nos cárceres do primeiro e brutal franquismo. Salvando as distancias, os organizadores queren destacar a importancia de manter o compromiso político tamén agora, en tempos de deleiba económica e social. O lema que encabeza a convocatoria é, neste senso, elocuente: «Miguel Hernández, un peta torturado onte e manipulado hoxe».
Nado en Orihuela en 1910, ao estoupar a Guerra Civil Hernández enrólase no bando republicano, loitando nas frontes de Teruel, Andalucía e Estremadura. Ao rematar a contenda foxe a Portugal, pero é detido pola policía salazarista e entregado ás autoridades franquistas. Condenado a morte en 1940, fina tuberculoso dous anos despois no penal de Alacante.