Déixeno ir

Serxio González E

AROUSA

26 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

scribiamos onte de vampiros, e hoxe toca dedicarlles unhas liñas a certos entes que, mortos e enterrados dende hai tempo, son espertados de cando en vez polos amos do seu destino, uns tipos que amosan unha máxica influenza sobre eles e poñen andar os coitados dos nosos resucitados na procura dos seus propios intereses para logo devolvelos ao cadaleito. A historia ule a vudú e a zombis de película, pero por desgraza refírese a algo intanxible, un patrimonio de todos os galegos que debería repousar, dunha vez e para sempre, co respecto que merecen as siglas que non só loitaron polo recoñecemento político e cultural deste país, senón tamén salvaron, en moitos sentidos, a honra de Galicia tanto nos tempos esperanzadores da primeira democracia coma na terrible treboada fascista que os levou por diante. Katelo, Chesqui ou quen sexa teñen todo o dereito a concorrer a cantas eleccións queiran. Pero deberían ter en conta que dende que Ramón Piñeiro renunciou ao traballo político na clandestinidade para concentrar os esforzos do galeguismo no eido cultural, o Partido Galeguista pasou a mellor vida. Hai quen considera aquela decisión coma un gravísimo erro histórico. Outros gábana coma un exercicio de pragmatismo. Sexa coma for, o PG de Castelao e Bóveda, máis tamén o de Risco e Pedrayo, deixou entón de existir. Isto de agora non pode ser máis ca unha triste aparencia de morte en vida. Ninguén arrastraría así o seu avó polos camiños. Busquen outra etiqueta e déixeno ir.