O ciclo de teatro galego que o Concello de Vilagarcía programou para esta primavera segue mañá venres coa representación da obra Memoria de Helena e María, a cargo de Teatro Atlántico. A representación terá lugar no auditorio ás nove da noite e os prezos das entradas
son de cinco euros na zona A do patio de butacas, catro na zona B e tres na zona C.
O texto de Memoria de Helena e María é orixinal de Roberto Salgueiro, e foi gañador do premio Abrente de teatro no 2006. A montaxe que del fixo Teatro Atlántico obtivo sete nominacións aos premios María Casares deste ano 2011, ao mellor texto orixinal, á mellor iluminación, mellor interpretación feminina en papel protagonista, mellor música orixinal, mellor dirección e mellor espectáculo.
A obra está dirixida por Xulio Lago e interpretada por Lucía Regueiro e María Barcala. Ambiéntase nos meses previos á Guerra Civil, nunha vila de Galicia na que se produce o primeiro encontro entre Helena e Manuel, que acaba nun intenso amor.
A chegada da guerra no 1936 vai levar a Manuel ao frente republicano, e a súa vida rematará en Albacete un ano despois, nunha foxa común a doce quilómetros de Quintanar del Rey. Trala súa morte a viúva fica na vila coa súa pequena filla, María. Pero esta non é a única herdanza que lle deixa o seu home. Haberá outra que lle traerá dramáticas consecuencias. Sesenta anos depois, por boca da súa filla, coñecemos as características desa herdanza e as consecuencias da súa conservación.
Traxectoria
A compañía Teatro do Atlántico foi fundada no 1985 e leva producidos ata o momento 24 espectáculos, moitos deles a partir de textos dos máis importantes dramaturgos do teatro contemporáneo, entre eles Ibsen, García Lorca, Fassbinder, Heiner Müller, Ernesto Caballero, Manuel Lourenzo, Roberto Salgueiro ou Sanchís Sinesterra.
As súas últimas produccións son O encoro, de Conor McPherson, A raíña da beleza de Leenane, de Martin McDonagh, A bombilla máxica, de Woody Allen e Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure. Tamén organizou un recital poético musical que chamou Memoria do 36, sobre a Guerra Civil e a posguerra en Galicia, que é ademais un percorrido pola obra dunha vintena de poetas. Traballa sobre todo en Galicia, pero tamén fóra.