O Concello de Catoira deu onte a coñecer o programa de actividades que organizou co gallo da festividade das Letras Galegas, que este ano dedícase ao poeta Lois Pereiro.
O venres día 13, ás sete da tarde, a compañía Xanela do maxín estará no edificio Felipe Aragunde co espectáculo Contos desde a xanela, un contacontos con monicreques no que se relatan diferentes historias tradicionais galegas, acompañadas de música en directo.
O sábado 14 chegan a Catoira as actividades do proxecto Detrás da canción, promovido pola secretaría xeral de Política Lingüística coa colaboración da Concellaría de Cultura, dentro das actividades do programa «Bocaberta».
Música e novas tecnoloxías Como compoñer unha canción pop ou como aproveitar as novas tecnoloxías para gravala e compartila co resto do mundo son algunhas das cuestións ás que responde a actividade Detrás da canción, na que integrantes dos grupos galegos Projecto Mourente e The Homens dan a coñecer a trastenda do proceso creativo. A proposta abrangue dúas actividades. A primeira é un obradoiro de música caseira e a segunda é un concerto acústico.
Detrás da canción busca promover a lingua galega entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos.
«O segredo de Catoira»
O martes 17 de maio, ás 12.30 horas, preséntase no concello a novela O segredo de Catoira, obra do escritor, profesor e crítico literario Estro Montaña, e editada polo Concello de Catoira.
Esta é a terceira novela do autor betanceiro, que narra a estancia en Catoira de Eric o Dinamarqués, un arqueólogo que busca un tesouro nas Torres de Oeste seguindo as indicacións dun mapa que atopa, por casualidade, nun antigo manuscrito.
A programación remata o martes 17 de maio coa actuación da Banda de Música de Catoira, que ofrecerá o seu tradicional concerto ás sete da tarde, no Edificio Felipe Aragunde.