O revólver do amigo Clint

AROUSA

08 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Chámanlle a navalla de Ockham, en lembranza do pensador que a fixo célebre en pleno Medievo, pero o seu nome propio é principio de economía. Vén dicindo que non se deben multiplicar innecesariamente as entidades ou causas para dar conta dun fenómeno. Noutras palabras, convén adiar as explicacións extravagantes e complexas cando normalmente a correcta é a máis sinxela. Este prudente postulado reza para moitos eidos e está na base do propio método científico. Mais ten moi pouco que facer no ámbito da política electoral, onde as normas que rexen a realidade circundante adoitan quedar en suspenso. Durante estas dúas semanas que temos por diante o que se leva é o ametrallamento indiscriminado da cidadanía a base de ocorrencias máis ou menos acaídas coas que seducir ao paciente electorado. O que cómpre, por tanto, é a multiplicación sen cuartel de propostas, esquecendo a contención como cousa propia de candidatos melifluos e pouco aguerridos. Como queira que a nómina de felices propósitos tampouco é tan ampla como puidese parecer, as nosas señorías rematan por pisárense mutuamente as ofertas baixo un mandato ben distinto ao do monxe británico, que perfectamente podería atribuírse non á navalla, senón ao revólver dun Clint Eastwood ou un Charles Bronson da vida: «O que dispara primeiro dispara dúas veces». Sucedeulle ao PP de Vilagarcía hai algúns días, cando os socialistas se adiantaron na súa intención de gañar aparcamento negociando cos propietarios de leiras deixadas a monte nas lindes do casco urbano. Os termos invertéronse pouco despois, ao faceren bandeira os conservadores da implantación de caucho nos parques infantís, iniciativa que tamén gusta ao alcaldable do PSOE, por moito que o actual goberno local a negase cantas veces fixo falta. Aconteceu de novo onte, ao adoptar alegremente o PSdeG o traslado da gasolineira de San Roque no que tanto teimara Rivera. E pasará outra vez, con puntualidade aristotélica. Ockham, pola súa banda, morreu de peste negra.