Un partido salienta hoxe entre os demais no calendario de amigables que manexan os representantes arousáns na Terceira División e na Preferente. O que enfronta o Céltiga e o Vilalonga no Salvador Otero a partir das 19 horas, co Trofeo Concello Illa de Arousa en xogo.
Para o equipo adestrado por Manolo Núñez este será o seu segundo encontro estival. O primeiro xogouno o pasado xoves, tras nove días de traballo ás costas, co Unión Grove de Primeira Autonómica coma rival e o terreo de xogo illense coma campo de probas. O resultado, un contundente 3-0 que deixou patente a diferenza de categorías entre ambos conxuntos. Juanito, Nacho e Eugenio marcaron os tres goles rexistrados, na derradeira media hora de xogo.
Ferreiro e Janeiro, dúas das novidades incorporadas ao longo do mes de xullo ao plantel do Céltiga, estiveron ausentes ante o Unión Grove por sendas molestias físicas, sendo o primeiro dos dous dúbida tamén para o choque de hoxe polos seus problemas nun xeonllo.
Para Manolo Núñez o duelo desta tarde co Vilalonga, un Terceira División, «vainos dar o nivel no que nos atopamos agora mesmo». A maior calidade e categoría do rival respecto ao do pasado xoves debera axudarlles aos xogadores do Céltiga a mellorar o fútbol espeso desplegado ante o Unión Grove. O típico, explica o propio Núñez, a estas alturas de pretempada. «Co que me quedo», salienta o técnico ourensán, «é coa boa predisposición a facer cousas que vin nos meus xogadores».
O Vilalonga sobe unha marcha
Claro que algo máis vai precisar o Céltiga para prantarlle cara hoxe ao Vilalonga. Máis aló da categoría de separación que media entre ambos, os homes adestrados por Gabi Leis semellan ter metido unha marcha máis no seu camiño cara ao debú ligueiro do vindeiro día 28. Así parece entendelo o propio técnico do Novo San Pedro atendendo á súa valoración do partido asinado polos seus na noite do venres en campo propio ante o Montañeros. Só cinco días despois de caer 0-4 co Coruxo en idéntico escenario, o Vilalonga tuteou a outro Segunda B, rematando o choque con empate sen goles. Os penaltis, obrigados por envolverse a cita co papel do Trofeo Campo Vidal Lamelas, decantaron o duelo do lado coruñés.
Leis comentaba onte que se tratou dun «partido moi igualado» no que «o fixemos ben. Sobre todo na primeira parte. Moito mellor ca no día do Coruxo. Estivemos ben prantados no terreo de xogo, e comecei a ver cousas que quero para o equipo. Dimos outra imaxe». E iso, con só 14 efectivos, sen Anxo, Oubiña, Fran Matos nin Adrián Malleiro, lesionados ou con molestias. Probablemente ningún deles poida xogar hoxe, de aí que Leis convocase á Illa a cinco xuvenís.