Budiño abre mañá o ciclo de actuacións das festas de Vilagarcía, cun concerto no que presenta o seu último traballo, «Volta»
12 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.? Aínda que a súa base siga sendo a música tradicional, os concertos de Budiño teñen pouco que ver co que habitualmente se asocia co folk. A introdución da electrónica, a videocreación e a propia estética do grupo converten ao espectáculo de Budiño nun exemplo paradigmático de como a modernidade debe e pode convivir coa tradición.
-O ano pasado tamén estivo actuando en Vilagarcía. ¿Haberá moitas diferenzas co concerto de mañá?
-Para min cada concerto é diferente. De feito, eu, ao rematar cada un, volvo escoitalo de novo no estudo para rectificar e mellorar cousas. Son un pouco obsesivo con ese tema. Pero si, claro que haberá diferenzas porque a xira deste ano está baseada no meu último traballo, Volta.
-No que, por certo, ademais do cedé, inclúe un deuvedé cun documental e o concerto que deu no festival de Ortigueira.
-Si, é un traballo moi especial porque ademais de recoller o concerto no que, para min, é o mellor festival do mundo, hai moitas imaxes que fomos recollendo, cámara en man, nas nosas actuacións por catro continentes.
-Hai algo dese audiovisual nos seus concertos?
-Non, pero hai outro tipo de creacións audiovisuais que lle aportan un valor engadido e unha estética moi interesante.
-Falando de estética, vostede está a rachar coa que habitualmente se asocia a un músico de raíz...
-A tradición non ten porque estar enfrontada á modernidade. De feito, nos meus concertos soa unha gravación sonora de principios do século XX mesturada con bases electrónicas. E é fermoso.
-A electrónica ocupa xa unha parte importante na súa música. ¿Axudouno iso a chegar a outro tipo de públicos?
-A electrónica é unha ferramenta extraordinaria á que non hai por que renunciar. É certo que me permite chegar a xente nova que se interesa por este tipo de sons, pero non é ese o motivo polo o que a utilizo.
-¿Non teme a crítica dos puristas?
-Non, porque eu sigo estando moi pegado á música tradicional. Sigo indo aos seráns e aos festivais. Mesmo no meu grupo hai músicos que seguen indo a recoller música de raíz. Sigo estando en contacto día a día coa mundo música tradicional. E saben que son un deles.
-Di que «Volta» ten o concepto dunha «road movie». ¿Viaxar sigue sendo, para vostede, fundamental á hora crear?
-Nas viaxes acumulas experiencias incribles que, sen dúbida, inflúen en ti á hora de compoñer ou de interpretar a música. Pero é que ademais, neste momento, e grazas a internet, calquera persoa en calquera parte do mundo pode saber todo de ti cando chegas a súa cidade para dar un concerto. E iso abre un camiño e unhas posibilidades á música galega case infinitas.