A«Todos os alcaldes deberiamos ter un sentido máis empresarial da xestión dos nosos concellos»
situación actual dos concellos galegos é, como mínimo, crítica e nalgúns casos claramente preocupante. Os concellos cada día están a asumir maiores competencias e a dar máis servizos, sen que lles correspondan por lei. É a administración que está máis en contacto co cidadán, ofrecéndolle os servizos básicos. Isto é, somos a administración que está a ?pe de obra?. Por tal motivo deberiamos ter unha maior participación nos Tributos do Estado, que garantan poder ofrecer todos estes servizos e non vivir tan dependentes de acadar subvencións. Subvencións para as que na maioría dos casos os concellos teñen que adiantar os cartos, o cal lle obriga a pedir créditos o que ocasiona de intereses e xuros. Por outro lado, estamos a pagar agora a mala planificación do Estado, tendo que devolver nos próximos cinco anos parte do que se nos ingresou nos exercicios do 2008 e 2009 que por exemplo para o noso concello está a supor uns 130.000 euros ao ano. E aínda queda pendente por facer a liquidación do 2010, que tamén pode ser negativa. Nestes anos houbo cousas sen moito sentido. O Plan E obrigaba a facer obras que non estiveran previstas nos presupostos, co cal moitos concellos víronse na obriga de facer obras non primordiais, pero que tiveron que acometer senón perdían os fondos. Penso que os concellos non deberían estar tan tutelados e ter máis autonomía. O que está claro é que todos os alcaldes deberiamos ter un sentido máis empresarial da xestión dos nosos concellos. Non buscar que estes dean beneficios, coma unha empresa, pero tampouco déficit. Racionalizar os gastos e aplicar o sentido común vendo a rendibilidade dos investimentos que se vaian facer.