Hoxe asistimos atónitos (os veciños do Salnés) a un novo episodio «esperpéntico», nótase estamos en terras de Valle-Inclán, protagonizado polos dirixentes do PP con motivo da ultraxe que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano fan a todos os usuarios deste servizo coa ausencia de partida de inversión para a ampliación do hospital do Salnés.
Un día nos espertamos con que un dirixente do PP insulta gravemente aos profesionais do hospital, outro en que se descalifican publicamente chamándose incluso «inútiles» entre eles... E o máis grave, desoíndo a demanda da cidadanía, que aínda non fai moitas datas saía ás rúas, nunha das manifestacións máis grandes que se recorda en asistencia de xente en Vilagarcía, demandando unha sanidade pública gratuíta e universal.
Todo isto nos debe servir para reflexionar, porque hai algunha xente que leva tantos anos no poder que algún se cre que Galicia e a comarca son o seu cortixo. Señores do PP, póñanse a traballar e fagan caso. Se a cidadanía demanda unha sanidade de calidade que é un dereito que temos adquirido e que vostedes en aras da mala austeridade están privatizando (véxase agora o cobro de 10 euros pola tarxeta sanitaria), modifiquen o proxecto de orzamentos e inclúan unha partida para a ampliación do hospital. Estes son os terceiros orzamentos do Goberno de Feijoo e o investimento na ampliación, ¡CERO!, é máis un insulto porque incluíron unha partida nos orzamentos do ano pasado e logo das protestas e para maior sorna non foron capaz de executala. Por iso varias « políticas» deben marcharse para casa.
Que non digan que non teñen cartos porque dende que chegou Feijoo á presidencia da Xunta o endebedamento pasou de 3.700 a 7.200 millóns de euros. Feijoo el soliño en pouco máis de dous anos, un tempo récord, duplicou o endebedamento de todos os galegos e galegas e ninguén sabe en que. Por iso a ampliación do hospital é só cuestión de vontade. E por iso lle esiximos aos gobernantes do PP que o fagan. Ademais, o prometeron.