O Céltiga, alérxico á herba artificial

vilagarcía / la voz

AROUSA

08 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Seguimos coa maldición dos sintéticos». Esa foi onte a primeira idea que saltou na cabeza de Manolo Núñez cando se lle preguntaba pola súa valoración da derrota que o seu equipo, o Céltiga, encaixou o domingo no feudo do modesto Nigrán: 3-2.

Para quen crea máis na ciencia ca nas meigas, o conxunto arousán está a amosar esta tempada síntomas dunha alerxia galopante á herba sintética. E é que tras o seu primeiro desprazamento fóra do Salvador Otero, con triunfo por 0-2 nun campo de toda a vida como o de Mondariz, o Céltiga non foi quen de gañar un partido nas súas cinco saídas posteriores. Todas, a terreos de xogo con superficie artificial.

Catro derrotas e un só empate son a conxestión que lle provoca ao cadro de Núñez a súa peculiar alerxia. E é que por moito que se esforcen os xogadores illenses, con cinco goles anotados noutros tantos partidos, o taponamento das súas vías respiratorias está a deixar baldado o equipo fóra da casa, onde encaixou o dobre de tantos marcados.

Atios (2-1), Marín (3-1) e, nas dúas últimas xornadas, Barbadás (1-0) e Nigrán (3-2), sacaron bo proveito da debilidade do conxunto roxibranco. Só o Cruceiro, en Hío (1-1), se deixou un punto co Céltiga sobre herba sintética.

Núñez afirma que «agás neste último partido, en Nigrán, onde estivemos máis grises, no resto amosámonos á altura do rival, cando non superiores a el». Pero réndese á evidencia: «Os resultados estánnos a dar as costas».

«Mea culpa» do adestrador

O técnico asume toda a responsabilidade. «Algo estarei facendo mal». E explícase, «é posible que tentemos facer un fútbol demasiado combinativo. E en campos pequenos e nos que o balón bota tanto coma os sintéticos iso propicia moitas perdas de balón». O Alerta Traviesas, o 18 de decembro, porá a proba a capacidade de rectificación de Núñez.