Callando o futuro

Juan M. Rey Rey

AROUSA

19 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Queremos valorar moi positivamente o feito de que os administradores concursais apoien, no seu informe ao xuíz, a venda da factoría de Clesa en Caldas a Feiraco.

Positivamente porque é o resultado do traballo realizado por todos/as e iniciado desde a repartición daqueles iogures porta a porta para chamar a atención sobre a situación dos traballadores/as de Clesa, a peregrinación a Santiago de Compostela, as reunións semanais, os traballos e xestións, ou as viaxes a Madrid e outras cidades para falar cos administradores concursais ou os representantes da Xunta de Galicia.

Pero isto non é máis que un paso, xa que aínda estamos á espera da resolución xudicial que dea vía libre á venda definitiva. Un paso ata chegar ao noso obxectivo final que sería o mantemento da factoría de Clesa en Caldas, en definitiva e o máis importante, dos postos de traballo.

Traballouse moito, e seguirase traballando, con todo que ninguén se confíe, aínda queda camiño por percorrer e debemos chegar ata o final xuntos, xa que a unión de todos/as nesta loita está sendo exemplar.

Como alcalde estou orgulloso do que conseguimos ata agora e do apoio de todo o pobo caldense a estes veciños e veciñas traballadores de Clesa.