Allegue non ten constancia de solicitudes de baixa dos «irmandiños»
21 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.A asemblea comarcal do BNG pechouse o xoves cun novo consello do que xa non forman parte nin Encontro Irmandiño nin Máis Galiza, que aínda debe decidir a súa continuidade ou non baixo as siglas históricas da fronte nacionalista. O responsable da organización no Salnés, Xoán Allegue, coincide na necesidade dunha resolución rápida para evitar danos maiores.
-¿Como sae o BNG do Salnés desta asemblea?
-Sae cunha nova dirección que agardamos sexa quen de acadar os obxectivos que nos marcamos. Que non son outros que medrar, conseguir máis representatividade e gañar e recuperar a confianza a cidadanía.
-Recuperar semella un termo moi de moda no BNG.
-Si, é unha palabra que está de moda, pero non creo que sexa patrimonio dalgúns.
-¿Houbo xa baixas no Salnés dalgún «irmandiño»?
-De momento non temos constancia de solicitude ningunha. Supoño que no seu momento anunciarano. Os militantes que se queiran dar de baixa teñen que solicitalo para que o consello comarcal o tramite.
-¿Concorda coa mensaxe de Guillerme Vázquez de que EI debe marchar canto antes?
-A mensaxe non foi exactamente esa. En calquera caso son cauto. Coincido con Ramón [Mouriño] en que o clima non estaba a ser o idóneo. E se hai militantes que queren adoptar libremente a decisión de marchar, o lóxico é que o fagan, pois aquí debe militar a xente libremente. O que si creo é que este espectáculo non debe seguir, o que queira marchar que marche. Pero non é que pase agora, e que sempre foi así. No BNG ninguén fica obrigado a nada. Non me gusta que esta dinámica dure, sería malo para todo o mundo. En primeiro lugar para o propio país, pois o BNG é unha forza determinante para os intereses e a defensa de Galiza.
-Recoñece vostede que o clima non era bo. Pero ¿como se chega a esta situación?
-Creo que o problema orixínase no relevo que se levou a cabo hai dez anos. Para calquera formación é un paso difícil.
-¿Quere dicir que non se asumiu esa necesidade de relevo? ¿Ou que o relevo se fixo mal?
-Quero dicir que son tempos e épocas distintos para todos. Para as persoas, para a militancia. É evidente que nos imos adaptando aos tempos. Hai cousas que se fixeron mal, pero moitas outras realmente ben.
-¿Demasiado control da UPG?
-¿Control? Hai voceiros e concelleiros que nin sequera son militantes e as agrupacións gozan de total autonomía. Outra cousa é que haxa quen teña que buscar argumentos para xustificarse onde non os hai.
xoán Allegue responsable comarcal do bng no salnés
«O Bloque non existiría sen a súa base simpatizante, que pode intervir e expresarse»
«Quen abandone a organización debería tamén deixar a súa acta se é concelleiro»