Onoso obxectivo é a excelencia, e iso é o que recoñeceu a Adeac cando, xunto coas bandeiras azuis, fíxolle entrega ao Concello do Grove dunha distinción temática en salvamento, socorrismo e primeiros auxilios. Pensabamos que era un recoñecemento nacional, de aí a nosa sorpresa cando soubemos que participan 77 países, co que iso supón en divulgación turística para o noso municipio.
Non é algo casual. Levamos seis anos traballando, arrancamos cun servizo de emerxencias en condicións aceptables, pero nós queríamos acadar a excelencia, non basta con vixiar o que pasa no mar. Creamos o Golfiño socorrista para que interactuase cos nenos e cos seus pais nas praias. Todo o mundo sabe que existe Protección Civil, pero non saben que fai un socorrista. O lema Estamos para axudar levamos vinte anos practicándoo, e non só cando hai unha catástrofe senón que se trata de conseguir que os bañistas gocen da praia, mesmo con campañas informativas. Así tamén arrimamos a ascua á nosa sardiña porque se un día pasa algo, a xente tamén está implicada.
Este ano queríamos dar un paso máis, gustaríanos que A Lanzada fora un referente en atención ás persoas con discapacidade ou mobilidade reducida e que levan anos sen bañarse no mar. Pedimos unha axuda á Deputación para comprar cadeiras para nenos e maiores, e os días que haxa menos xente, invitamos a quen coide destas persoas a que os traian para que podan gozar dun baño. ¡A saber cantos anos levan sen facelo!
Todo isto pódese facer grazas ao esforzo dun concello pequeno con escasos medios que soporta o peso da praia da Lanzada, á que ven xente dos cinco continentes. E a Xunta o único que ofrece é o contrato de cinco socorristas por dous meses, que por certo, aínda están en trámites. Esta moi ben dicir que temos as mellores praias, pero logo non se pode escatimar en medios.