O instituto arousán recolle as verbas propias do municipio
17 jul 2013 . Actualizado a las 06:54 h.Aínda non ten nome, pero se cadra os arousáns non tardan moito en poñer os seus miolos a traballar para procurar unha nomenclatura axeitada a esa forma de falar que tanto os identifica. Todo é poñerse, porque o certo é que se hai un lugar que se distinga polo seu xeito de comunicarse e, sobre todo, pola cantidade de palabras e expresións particulares que se utilizan na súa fala cotiá, ese é A Illa. Se alguén o dubida, pode achegarse ata o instituto da localidade e alí atopará todas as probas que necesita para comprobalo.
En efecto, no IES desenvolveron este curso unha fermosa actividade que consistiu en recoller as palabras propias da localidade. Con elas, alumnos e profesores compuxeron un Mar de Linguas. Sobre as paredes dun dos corredores do centro foron colocando, unha a unha, formando un mar e arredor dunha silueta da Illa, unhas tarxetiñas azuis. Cada unha delas agochaba un tesouro: una palabra ou un dito particular da Arousa que, cando levantaba a súa solapa, deixaba ver o seu significado.
Un changüí, por unha cantidade pequena de cartos; unha zampallada, cando un bebe máis do debido; a esmadrasar, cando lle dá por chover arreo; ou coma area, un xeito ben menos aburrido de dicir moito, son só algunhas das ducias de palabras que os rapaces da Illa recolleron entre os seus veciños e que non poderá deixar de mirar quen se achegue ata este outro mar que enriquece a Arousa.
Os profesores, moi orgullosos desta iniciativa, e madía levan a estalo, destacaban o pasado venres que ideas coma esta poden desaparecer vítima dos recortes.