Tirachinas e guerras

Tania García SECRETARIA DE ORGANIZACIÓN PROVINCIAL DEL PSDEG-PSOE

AROUSA

23 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Non serei eu quen dubide do que pode aportar unha medida que veta os regalos a cargos políticos, pois incluso o camiño máis longo comeza por un só paso. Estou a favor, como cando xa se aprobara esta medida hai 8 anos, sendo presidente Pérez Touriño. Por certo, co voto en contra do PP. Mais aínda así cabe dicir que esta medida, por si soa, é como ir á guerra cun tirachinas. A corrupción é un problema maior. Debemos ser realistas e asumir que non só os regalos «visibles» son medios de corrupción. Necesitamos máis medios de control e que os responsables dun delito non poidan ampararse nos tempos da xustiza, que non son, nin deben ser, os mesmos que os da política. Necesitamos menos partidismo, todos, e máis honestidade. Non poden existir fotos de gobernantes con narcos e que non pase nada. E necesitamos máis conciencia cidadá, que sexa inflexible coas vellas formas. Para que trampear o sistema non poida saír a conta.