Mónica Touriño sitúase líder na Estrada, e José Miguéns reforza o seu primeiro posto
27 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O club catoirense Kennel Den segue a avanzar con paso firme na súa tempada de bautismo no mundo do mushing de competición. O pasado domingo, na Estrada, con tres podios na segunda das catro probas da Copa de España, pero máis importante aínda, dando un paso de xigante cara a consecución doutros tantos títulos ao termo do calendario de competición, coa vikinga Mónica Touriño sumándose aos seus compañeiros Óscar Piñeiro e o cesureño José Miguéns nos liderados das xerais das súas respectivas categorías.
Nunha cita con arredor dun cento de participantes, e logo dos programas de patín e de bikejoring, a organización tivo que recurtar os 5,7 quilómetros do trazado inicial chegados ao momento das saídas de canicrós, reducido o circuito a 4,4 polo exceso de calor e o seu pernicioso efecto sobre os cans.
En canicrós Mónica Touriño con Caramelo, en categoría Absoluta Feminina, e José Miguéns con Sultán, en Júnior, gañaron as súas carreiras, co vigués Óscar Piñeiro e Argos segundos en Absoluta Masculina. Ademais a olívica Noelia Piñeiro e Gala remataron terceiras na proba de Bikejoring Feminino.
Con estes resultados Óscar Piñeiro e Argos, e José Miguéns e Sultán afianzan o seu liderado nas súas respectivas xerais, con Mónica Touriño escalando á primeira praza da categoría Absoluta Feminina de Canicrós. Asimesmo o vilagarcián Kiko Martínez e Polo pasan de terceiros a segundos na de Canicrós Veteráns, e Noelia Piñeiro e Gala do sexto ao segundo posto de Bikejoring Feminino.
Vallgorguina, en Barcelona, e Salas de Infantes, en Burgos, decidirán a Copa de España. Touriño, Miguéns e Óscar Piñeiro aseguraránse o título só con rematar nelas entre os catro primeiros das súas probas.