Ares impónse na cuarta edición do Memorial Miguel Fernández, «Lágar»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O C.R. Mecos, club organizador e defensor do título, rematou a 8 segundos da traíña campioa no Porto do Grove

20 dic 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

A cuarta edición do Memorial Miguel Fernández, Lágar, tivo na mañá do domingo a traíña de Ares a campioa. A embarcación probou que está a traballar duro na súa esixente adaptación de cara ao histórico salto de categoría á ACT, na que competirá a vindeira tempada, marcando o mellor crono entre as 38 tripulacións en competición. Completando en 19 minutos, 8 segundos e 96 centésimas o trazado no campo de regatas en forma de triángulo debuxado polo club organizador, o C.R. Mecos, no Porto do Grove.

Na regata, baixo formato de contrarreloxio, o C.R. Mecos-Mondariz non foi quen de revalidar o triunfo na súa proba, rematando segundo a 8 segundos do novo equipo da ACT cun tempo de 19.17.18. Cabo da Cruz, con 19.22.24, completou o podio dunha edición que cos seus números voltou superarse a si mesma. Seguiron no top ten a traíña de Coruxo, cuarta en 19.24.09, a de Tirán, quinta en 19.32.71, a de Puebla, sexta en 19.37.29, a de Castropol, sétima en 19.44.61, a do C.R. Vilaxoán, oitava cun crono de 19.52.52, a de Samertolameu de Meira, novena en 19.53.35, e a de Bueu, que empregou 19.53.74 no seu percorrido polo campo de regatas.

Unha ofrenda floral e a Salve Mariñeira precederon un ano máis unha proba que segue a consolidarse no calendario da longa pretempada das traíñas en Galicia.