Jordi Aragonés será o padriño do 3on3 Carneiro ao Espeto

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

19 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O comité organizador do 3on3 Carneiro ao Espeto, un dos máis antigos e sobranceiros torneos de baloncesto 3x3 de Galicia, anunciaba onte o nome do padriño da que será a decimosétima edición da cita de Moraña: Jordi Aragonés.

O vilagarcián, preparador físico da selección española absoluta de baloncesto feminina e do Wisla Can Pack Cracovia, proporciona unha nova nota de prestixio ao 3on3 Carneiro ao Espeto. Cun palmarés como o de poucos, tras encadear cinco anos máxicos co combinado hispano que dirixe Lucas Mondelo nos que acumula dous títulos (2013 e 2017) e un bronce (2015) continentais, ademais de cadanseu subcampionato mundial (2014) e olímpico (2016). Dous subcampionatos da LF1 e da Euroliga, e en Polonia tres títulos da Liga, dous da Copa e un da Supercopa, dan conta do personaxe, que o vindeiro día 26 acudirá á presentación do torneo.

Aragonés será o terceiro vilagarcián que apadriñe o 3on3 Carneiro ao Espeto, tras Antón Paz e Alberto Blanco, e súmase a outros ilustres coma Diego Ocampo, Moncho Fernández ou Tamara Abalde.