Unha obra dedicada ao cineasta iraniano Kiarostami domina con trazo poético unha mostra que ficará no Grove ata fin de mes
12 ago 2017 . Actualizado a las 11:05 h.«Territorio cromático» é unha escolma en lenzo e papel dos traballos máis recentes xurdidos da mente e as mans de Xaquín Chaves (Vilaxoán, 1959). Dúas obras marcan, dalgún xeito, as lindes deste particular territorio. «O vento levaranos» remite á película do mesmo título de Abbas Kiarostami. É a única pintura de grande formato da mostra. «Hai tempo, a paisaxe seca que observei a carón do estudo fíxome pensar naquela película que só vira unha vez, a plasticidade do cine de Kiarostami, a maxia da luz». A chamada do figurativo non é sinxela de resolver, e a idea queda arrombada nalgures ata que a morte do cineasta iraniano desbloquea o proceso creativo e dá lugar a unha peza impregnada dunha figuración evocativa, poética.
O outro marco é «Duino», unha escultura en eucalipto pigmentado de añil que forma parte daquela dinámica truncada que puido levar, hai anos, a facer do Alobre un bosque escultórico e non callou. O título apunta ás «Elexías de Duino», de Rilke.
Un paso no cine, outro na poesía. Toca falar do acobillo. A galería Besada, xunto a Arcana o único espazo expositivo privado que pervive no Salnés. «É preciso defender estes pequenos espazos, ter presenza neles, e reivindicar un certo apoio institucional que se bota en falla».
Os «Territorios cromáticos» son a súa segunda incursión na galería grovense. Probablemente haxa máis, se a oportunidade se brinda. Pero na cabeza do pintor bule outro proxecto moito máis ambicioso. «Unha obra que se vai é unha folla que lle arrincan ao libro; obviamente o mellor que pode suceder é que a alguén lle guste unha obra, pero ás veces gustaríame conservalas o tempo preciso para amosar o argumento enteiro». Este argumento sería todo o contrario dunha antoloxía: a condensación de cada paso, de cada rexistro, nunha exposición orgánica, que acepte as contradicións e procure a coherencia. «Non podes pintar algo con mala conciencia», reflexiona Chaves. Agardaremos.