«É importante que a poboación se conciencie da problemática que implican as invasoras»

m. a. O GROVE / LA VOZ

AROUSA

10 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

De xeito periódico, a Consellería de Medio Ambiente actúa nas zonas protexidas do Grove para acabar coas plantas invasoras. Son, explica Pablo Caballero, un problema para a biodiversidade, para a economía e ata para a saúde.

-¿Cal é a especie invasora que está máis extendida no Grove?

-É difícil de precisar, pero posiblemente a Cortaderia selloana, pola súa grande capacidade de expansión mediante sementes e a gran plasticidade de ocupación de diferentes hábitats dentro do espazo natural (zonas húmidas, esteiros, depresións dunares, bosques, matogueiras..). Pero tamén está moi extendida a Carpobrotus ou a Azolla Filiculoides, que afecta especialmente a un hábitat prioritario como Lagoa Bodeira. -¿E as zonas más afectadas por estas especies?

-As zonas dunares e supradunares e as zonas de matogueira costeira poden ser as máis afectadas pola entrada de plantas invasoras. Tamén os terreos baldíos e de cultivo abandonados.

-¿Qué problemática causan estas especies nas zonas protexidas?

-A problemática que ocasionan as Especies Exóticas Invasoras (EEI) non só afecta á perda de biodiversidade, senón que provoca enormes danos económicos todos os anos, cifrados en millóns de euros, en sectores tan relevantes como a agricultura, a pesca, o sector forestal ou a sanidade. Certas EEI tamén supoñen unha ameaza para a saúde da humanidade, por exemplo, a través da introdución de animais que serven de vectores de transmisión de axentes patóxenos ou de plantas que provocan patoloxías de tipo alérxico.

-¿Son eficaces estas campañas de limpeza?

-As campañas de limpeza son imprescindibles para o control da expansión das EEI, pero tamén é moi importe que a poboación se conciencia da problemática que implica a súa propagación.