
O arousán non atopa explicación ao baixón de potencia que o pasado domingo lle fixo perder 15 minutos na Volta a Portugal. "Se as circunstancias o permiten, creo que poderei disputar algunha etapa. Haise que reinventar", declaraba o corredor do W52-F.C. Porto na xornada de descanso da rolda lusa
08 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Quince minutos e 23 segundos. Ese foi o tempo que Gustavo César Veloso se deixaba o pasado domingo na meta de Penhas da Saúde, en Covilhã, respecto ao seu compañeiro no W52-F.C. Porto e defensor do título na Grandissima, Raúl Alarcón, no segundo triunfo de etapa consecutivo do alacantino este ano na Volta a Portugal. Na xornada de descanso da carreira, Veloso analizaba onte para La Voz de Galicia o sucedido o domingo, e valoraba as súas opcións na Volta consciente de rodar xa fóra do grupo de aspirantes á xeral cando hoxe o pelotón volva á estrada cos 165,4 quilómetros entre Sernancelhe e Boticas.
-En Covilhã quedaron soterradas todas as súas opcións de gañar a súa terceira Grandissima. ¿Que aconteceu o domingo?
-Pois... Non o sei. A verdade é que, ben, son cousas que pasan. Cheguei ben, con boas sensacións ás primeiras etapas. O do domingo non sei se foi a factura polo calor dos primeiros días. Non foi unha pájara. O problema é que non me ía o corpo. Eu comín e bebín ben, e non cheguei a meta baleiro. Non ía sufrindo, pero non me ía o corpo. Unha sensación estraña, ía sen sufrir, pero non conseguía ir máis rápido. Non lle atopo moitas explicacións. Onte -polo luns- me atopei mellor. Queda moita Volta. Xa que non estou para a xeral, vou tentar que o compañeiro Alarcón sexa quen gañe.
-¿Nunca vivira antes entón esa sensación?
-Téñoa vivido. Cando estamos nas épocas das alerxias téñoa vivido. Como quedarme sen forzas. Pero non foi iso. O corpo é caprichoso. Sufrín ao principio para tentar seguir. Pero chegado un momento érame igual perder 5 minutos ca 15. Se non podo disputar a Volta, prefiro gardar forzas para cando as precise, cando poida disputar unha etapa, ou se fai falta tirar no último porto para levar a Raúl a roda.
-Nada que ver entón coa súa pájara do ano pasado en Torre...
-Non. Non, non, non. Que va. Son cousas que pasan. Outros tiveron que abandonar. Teño a conciencia tranquila, non foi por un mal estado de forma, ou porque fixera mal as cousas. Teríame gustado que non pasase, pero pasou. Agora toca mirar adiante. Haise que reinventar un pouquiño.
-¿Pensa que, dadas as condicións meteorolóxicas, a organización debera ter ido o domingo máis aló de reducir o trazado en 29 quilómetros e de suprimir a ascensión a Torre, un dos dous portos especiais da etapa e da Volta?
-Non. O calor é para todos. Facer máis quilómetros ou menos é o mesmo. A min dáme igual facer 180 quilómetros ou 200. Creo que o debate debera ter sido se se debía correr nesas condicións ou non. Tamén entendo que son decisións difíciles de tomar. Hai unhas cidades que pagan para que a Volta pase por alí... un montón de circunstancias que fai que tomar unha decisión destas sexa difícil. Entre o comité médico, os comisarios e os organizadores teñen que tomar esas decisións. Ao final hai que mirar polo ben común de toda a xente. Non ten máis importancia. O domingo non foi o día que máis calor fixo. É máis, púidose ter corrido Torre. Pero despois de varios días con tanto calor, a organización preferíu pecar de exceso de precaución. Imaxínate que hai un problema en Torre con algún corredor por problemas de deshidratación. Pero realmente as etapas duras de calor foron as do xoves, venres e sábado, con temperaturas por enriba de 40 graos. Chegamos a correr con 46 graos. Esta será recordada como unha Volta a Portugal con moito calor. Eu xa teño corrido algunha Volta a Portugal con varios días con moito calor. Quen vai correr a Volta a Portugal sabe que vai pasar calor. Que foi excesivo, si, pero hai cousas que non se poden controlar.
-Desde que no 2013 comezou a disputar a Volta a Portugal con intención de gañar a xeral nunca antes se vira sen opcións xa a metade de carreira. ¿Como xestiona esta nova situación?
-Todo o que te vai pasando na túa carreira deportiva axúdache a xestionar, a superar estas cousas. No momento no que non estás ben, automaticamente tes que cambiar o chip. Tes que ser realista. Non vou poder disputar a xeral, pero non se acaba a vida. Teño que cambiar os obxectivos, ser realista, e adaptarme canto antes. Queda a metade da Volta por diante, e creo que podo aportar moito. Se podo gañar unha etapa, perfecto. E se para gañar a Volta un compañeiro teño que renunciar a unha etapa, fareino. É o que hai. Se as circunstancias da carreira o permiten, creo que poderei disputar algunha etapa. Hai que ir día tras día, en carreira, aí metido, e ver as posibilidades que se dan en cada momento. Quedar á marxe da pelexa pola xeral permíteche gozar da carreira doutro xeito.